Aymerich abandona o BNG tras gañaren as teses da UPG

O voceiro nacional Xavier Vence despídese cun claro discurso a prol das alianzas electorais e contrario a manter siglas de partidos dentro do Bloque. Os críticos suman esforzos antes das votacións na XV Asemblea do BNG pero saen derrotados.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/02/2016 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Actualización das 15 horas

Vence na Asemblea do BNG
Vence na Asemblea do BNG | Fonte: Ana Miranda

O documento político que acaba de aprobar a maioría da militancia aposta por a "conformación dunha amplia candidatura nacionalista nas próximas autonómicas" pero non prevé compartir cartel con forzas de ámbito estatal, o que na práctica afasta ao Bloque da fórmula das mareas. Tampouco recolle que no Bloque a militancia sexa individual e non a través doutros partidos, como pedían entre outros o actual líder Xavier Vence.

Como se agardaba, a derrota dos críticos foi total. As catro emendas a totalidade presentadas e os votos particulares enunciados por eles foron rexeitados. Finalmente non se puido defender unha única emenda común do sector non oficialista, que pactaran entre eles hoxe. 

A militancia aprobou o informe de xestión con 1095 a favor 84 en contra e 235 abstencións. Unha confirmación da liña seguida até hoxe que apunta a que a candidata oficialista, Ana Pontón, será elixida este serán nova voceira nacional. Tamén unha indicación de que os críticos coa liña do UPG e o MGS son hoxe unha pequena maioría no Bloque. Agora tócalles escoller entre o camiño de Aymerich, que confimou o seu abandono, ou o de Carme Adán ou Tareixa Paz, que tamén defenderon un cambio de rumbo pero que indicaron que continuarán no Bloque.

Actualización das 14 horas

“Temos que facer alianzas. A cidadanía que quere mudanza entendeu que a fragmentación era unha trampa mortal e decidiu voto útil para tentar gañar a partida. Temos que escoitala!!” Así de clara foi a defensa que Xavier Vence fixo dun posíbel pacto coas forzas que colaboran en En Marea.

Vence na Asemblea do BNG
Vence na Asemblea do BNG

O voceiro nacional saínte do Bloque pronunciou un discurso que se distancia das teses impulsadas pola UPG, o partido máis numeroso na fronte, e aprobadas pola maioría militancia nas asembleas comarcais.

Ademais de abrir a porta a negociar con ANOVA, Podemos, as mareas e Esquerda Unida; Vence defendeu que o BNG abandone o modelo frontista. O profesor da USC animou a máis de 1.500 persoas que enchen o Palexco de Coruña a “retecer” o Bloque nunha “única sigla, cunha única lealdade e unha única dirección”.  Proposta que na práctica suporía disolver a partidos de ideoloxía comunista como a UPG ou o seu aliado Movemento Galego ao Socialismo e que, salvo gran sorpresa, non sairá adiante.

Vence non se sumou ao texto pactado entre os diferentes sectores críticos, pero coincide en varios dos seus  postulados.  As deputadas Carme Adán e Tareixa Paz, a profesora Alba Nogueira e Abrente (a corrente máis próxima a socialdemocracia cuxo primeiro referente público é Carlos Aymerich) pactaron a última hora un texto común para sometelo a asemblea. Ademais de adscrición individual, queren buscar “a unificación con outras forzas que operan no mesmo espazo político" e que unha xestora comece xa a negociar con outros partidos e colectivos un marco común para “construír unha nova organización política unitaria e democrática para o nacionalismo".

Unha profunda “refundación” que vai máis alá do planeado pola UPG co apoio do MGS. As teses oficiais defenden actualizar o discurso e a organización, pero non contemplan pór fin aos partidos que participan no Bloque e moito menos abrirse a pactos con forzas de ámbito estatal. “Diluírmonos en espazos que dirixe e capitaliza quen quer salvar España non é futuro nin vitoria”, argumentou un dos representantes do MGS. Dende a UPG, Rubén Cela argumentou que "o centralismo é centralismo non importa o envoltorio" e que non se pode ser “soberanista a tempo parcial”. 

Cunha hora, aproximadamente, de atraso sobre o horario previsto está a piques de rematar a defensa pública das emendas a totalidade. Posteriormente serán as votacións, primeiro a totalidade e logo a das emendas parciais.

Cara as 20 horas pronunciará o seu discurso o gañador das votacións á nova Executiva. Salvo cambio maiúsucla de última hora, Ana Pontón -militante da UPG- pronunciará o seu discurso como nova voceira nacional do BNG, a primeira muller que ocupa este cargo. A súa lista integra a militantes do seu partido e do MGS, pero non dos sectores críticos. 

Cheo completo na XV Asemblea Nacional do BNG no Palexco da Coruña
Cheo completo na XV Asemblea Nacional do BNG no Palexco da Coruña | Fonte: BNG Fene
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 24 comentarios

5 Peliqueira

Unha aposta por facer esa Asamblea Nacional Galega (da q xa anda a xente a falare). Onde teñan cabida os partidos, organizacións e demais con poder de decisión en Galiza.

4 XanKaraLlás

Pois o BNG seguirá afundíndose na mer da aínda que cumprindo o seu papel de axudar a que o PPPSOE manteña o seu poder en Galiza.

3 Independentista liberal-social

Sinceramente, vendo a situación dende fóra do BNG, penso que é un erro -tanto estratéxica como ideoloxicamente- que vaian sós, tendo en conta as barreiras do sistema electoral e a cantidade de puntos comúns coa galeguista En Marea: republicanismo, esquerdismo, profundización democrática, recoñecemento de Galicia como nación, máis autogoberno, dereito a decidir, defensa da lingua cultura... Ademais, o grupo de En Marea, neste caso é integramente galego e galeguista, a diferencia do grupo confederal de Podemos no Congreso.

1 Independentista liberal-social

Só vexo sentido se o BNG non vai coas forzas que compoñen En Marea, no caso de crear unha gran coalición de centro galeguista con C21, TeGa, PG ou Coalición Galega. Pero parece que tampouco están por esa labor.

2 per

Asi so se trataría de gañar eleccións

3 Fulano de Tal

O grupo de En Marea integrado no grupo confederal de Podemos en cuxo texto non se menciona a Galiza nin unha soa vez? Ou hai outro grupo de en marea?

2 per

Como non son do Bng e visto o que vexo (Vence pareciame o mellor e non Aymerich), creo se deberia fundar una Union Nacional Galega, onde quizais taḿen poidera estar Anova e o Bng,, pero ao marxe de Podemos que é un Psoe (bis), ainda recoñecendo que a dita forza tamén trouxo cousas positivas que logo abandonou mentindo claramente a sua militancia e elctorado.

1 GakoV

Brutal a mirada de desconfiaza de Lobeira a Vence na foto. Iso resúmeoo todo, os que non son da UPG son válidos mentres fagan de tontos útiles, despois ao lixo con eles. O que queda no BNG e non é comunista -ou finxe ser comunista- é masok.