Temas: ABORTO A CORUñA

A Fiscalía investiga as incidencias vinculadas aos abortos na Coruña

Este órgano xudicial intervén pola “repercusión mediática deste asunto, con versións contraditorias entre usuarios e os servizos xinecolóxicos do hospital".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 01/03/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Fiscalía Provincial da Coruña investiga a denuncia sobre a suposta falta de garantías para a atención dos abortos no segundo trimestre de embarazo por motivos médicos tras recibir a denuncia da Fiscalía Superior de Galicia sobre os feitos acontecidos no hospital Materno Infantil-Teresa Herrera.

Quirófano dun hospital galego
Quirófano dun hospital galego | Fonte: lainformacion.com

Foi o Defensor do Paciente quen lle enviou á Fiscalía Superior de Galicia unha denuncia na que afirma que o que terían que facer as mulleres para "ser ben atendidas" é ter "un bebé con malformacións". "Ás mulleres que teñen que abortar no segundo trimestre de embarazo non se lles garante que estean atendidas por persoal médico, nin recibir a epidural, e para contar con estes servizos a única alternativa que se lles ofrece é desprazarse a Madrid, vergoñoso e ruin", di o escrito.

O persoal sanitario denuncia desde hai meses que non está garantida a atención ás nais que necesitan un aborto a partir da décimo cuarta semana de embarazo por malformacións no feto. Afirman que en función do momento do día en que acoden ao hospital poden atoparse con que non teñen xinecólogo, matrona ou psicólogo, entre outros profesionais.

Estas acusacións xa foron negadas polo servizo de enfermaría desta área, aínda o Defensor do Paciente asegura  que "hai presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres, con coñecemento de que este se está producindo".

Carlos Varela, que foi fiscal superior, detalla que "os feitos anteriores, tal como veñen relatados, non teñen encaixe en ningún precepto do Código penal, polo menos mentres non exista unha denuncia individualizada na que se poidan acreditar concretos comportamentos ilícitos que teñan relevancia penal".

"Aparentemente, a denuncia ten máis que ver con disfuncións na prestación de servizos que son competencia da Administración sanitaria que con feitos de natureza delituosa, polo que non queda xustificada a intervención do Ministerio Fiscal", subliña.

É "a repercusión mediática deste asunto, con versións contraditorias entre usuarios e os servizos xinecolóxicos do hospital" o que fai que interveña a Fiscalía. "A prudencia aconsella realizar a correspondente investigación nos termos previstos na Circular 4/2013 da FGE con remisión do actuado á Fiscalía Provincial da Coruña", conclúe.

Temas: ABORTO A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta