Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025 | Actualizada ás 14:04
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu a unha misiva remitida da asociación Ecoloxistas Galiza 'Atlántica e Verde' sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) coa "garantía" de que non se aceptará ningún plan industrial que non sexa "compatible" co coidado do medio ambiente e o aviso de que frear a proposta sen avaliala tecnicamente sería "prevaricar".
Na liña con outras organizacións e plataformas cidadás, esta asociación demanda parar o proxecto de Altri para a localidade lucense, ao considerar que se trata dun proxecto de fábrica de celulosa e fibras que ocasionaría danos ambientais. Na resposta a unha carta de Ecoloxistas Galiza 'Atlántica e Verde', Vázquez subliña que é "moi importante" que se "saiba" e se traslade " á sociedade" que ningunha administración pública pode "negarse a avaliar" e a "tramitar" calquera proxecto que se presente. "Estamos nun Estado de Dereito no que non someter a estudo de forma discrecional un proxecto implicaría prevaricar", alega.
Ao tempo, recalca que a Xunta vea "por un estrito cumprimento da legalidade", polo que a Consellería de Economía e Industria leva a cabo a tramitación "coas máximas garantías e cumprindo cos procedementos de participación pública". Subliña que se aplican "as mesmas esixencias" que demandan outras iniciativas empresariais, á marxe da súa natureza ou actividade.
Lembra que, unha vez obtidos os informes sectoriais requiridos e estudadas as alegacións recibidas, o expediente remitirase á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade para que proceda á súa avaliación ambiental. O proceso, subliña a conselleira, será "a garantía plena" de que a Xunta só apoiará a implantación de actividades "compatibles co coidado do medio ambiente". Na carta de Vázquez, ademais, lémbrase que, mesmo no caso de que a tramitación ambiental sexa favorable, pódense "impor condicións de funcionamento" que o promotor terá que asuir nos aspectos en que sexa necesario para manter o medio ambiente nun estado "saudable".
"HAI QUE SER MOI PRUDENTES"
Neste punto, a conselleira pasa a lanzar un aviso á asociación ecoloxista: trasladar "de forma veraz esta información é responsabilidade de todos". Tamén, subliña, de quen lle insta a frear o proxecto, a quen garante que Altri só se instale en Galicia se o proxecto é "viable e compatible co coidado e o respecto ambiental á contorna".
E tras recalcar que a Xunta se basea "sempre" en informes técnicos "e non en opinións" para avaliar "calquera proxecto", dá un dato: "nos últimos tres anos, un de cada tres proxectos sometidos a avaliación ambiental en Galicia foi rexeitado por non cumprir cos estritos requisitos esixidos pola normativa vixente".
Inclúe entre os seus argumentos que foi o actual Executivo autonómico o que "reforzou e mesmo endureceu a lexislación ambiental á que se somete actualmente calquera iniciativa empresarial ou industrial na comunidade".
Así, "non dubidando" que a asociación saberá "difundir esta información dunha forma responsable", avisa de que "hai que ser moi prudentes coas afirmacións que se fan sobre esta iniciativa", e que "a sociedade galega debe ser consciente de que os diferentes órganos e administracións informan sempre e exclusivamente baixo premisas técnicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.