270 científicos galegos e portugueses únense nun gran proxecto de bioenxeñaría

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/03/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia e Portugal seguen reforzando os seus vínculos, agora a través da ciencia. Oito entidades público-privadas da Eurorrexión, lideradas pola Universidade de Vigo, están a promover a creación do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable, Iberos, unha proposta que acaba de ser presentada ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP 2014-2020, coa intención de captar os 2,5 millóns de euros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento ata 2020.

Integrantes da Rede Galega de Biomateriais, con Pío González á esquerda da imaxe
Integrantes da Rede Galega de Biomateriais, con Pío González á esquerda da imaxe | Fonte: DUVI.

Máis de 270 científicos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, a Católica Portuguesa e Minho, así como do Instituto de Investigacións mariña do CSIC, a Fundación Profesor Novoa Santos, o Instituto Superior de Engenharia do Porto e o Instituto Nacional de Engenharia Biomédica, integran o consorcio promotor de Iberos, “achegando un gran potencial investigador no ámbito da bioenxeñaría, con grupos punteiros e moi recoñecidos internacionalmente.

Este instituto pretende crear sinerxías e concentrar todo ese esforzo humano e económico, focalizándoo na procura de solucións”, explica Pío González, coordinador da Rede Galega de Biomateriais (RGB) e investigador da Universidade de Vigo

Rexión envellecida

No ano 2012 máis de 1.200.000 persoas superaban os 65 anos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, segundo o Anuario Estatístico Galicia Norte de Portugal 2013 da Xunta de Galicia.

O envellecemento da poboación é un dos grandes retos sanitarios que enfronta a sociedade actual en Europa e, especialmente en Galiica, que ten na investigación un dos seus principais aliados para mellorar a calidade de vida e a saúde das persoas maiores. Co obxectivo de buscar solucións baseadas na bioenxeñaría a eses retos sanitarios que se presentan por mor do envellecemento da poboación, nace esta iniciativa galaico-portuguesa

Produtos que acheguen solucións 

Osteoporose e fracturas átipicas; osteoartrite, osteosarcomas, periodontitis; enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer; cancro e enfermidades reumáticas ou dexeneración da cartilaxe, artrose ou desmineralización dental, son algúns problemas concretos relacionados co envellecemento aos que os e as investigadoras que integran Iberos tentarían dar solución.

“Desde o instituto pretendemos desenvolver unha carteira de produtos tecnolóxicos que acheguen solucións ás enfermidades asociadas ao envellecemento”, explica González, que apunta ao desenvolvemento de próteses e implantes con recubrimentos avanzados para mellorar a súa vida útil, a sensores baseados en nanotecnoloxía para a diagnose temperá, ao uso de nanopartículas e nanocápsulas con fins terapéuticos e de instrumentación biomédica para a diagnose precoz, como algunhas desas solucións aos problemas de saúde asociados á idade avanzada.

Neste sentido, o investigador da Universidade de Vigo lembra que a procura de solucións baseadas na bioenxeñaría para problemas relacionados co envellecemento é unha prioridade de innovación común recollida na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, RIS3, e que o traballo en rede dos investigadores e investigadoras de Iberos “pode permitir obter resultados ao máis alto nivel internacional, ao tempo que se incrementan as capacidades científicas da Eurorrexión neste campo”, salienta.

Captar e reter talento investigador

Á espera da resolución da solicitude por importe de 2,5 millóns de euros presentada ao POCTEP, o coordinador da Rede Galega de Biomateriais, explica que a parte máis importante do pedido se dedicará á captación e retención de talento investigador.

“Preténdese contratar nove investigadores ou investigadoras sénior, cun currículo brillante, que consoliden as liñas de investigación estratéxicas en bioenxeñería orientada ao envellecemento saudable”, explica Pío González, que sinala que tamén se pretende formar a 45 investigadores e investigadoras noveis, mediante contratos curtos, para realizar os seus traballos de mestrado e doutoramento. Outras partidas dedicaranse ao desenvolvemento de proxectos de investigación colaborativos, transferencia de resultados á contorna socioeconómica e á comunicación, informa María del Carmen Echevarría no diario da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta