Carmen Santos: "Riobóo e Ánxela son os responsables de todo o que pasou en Podemos”

Carmen Santos é a terceira candidata que se presentará as primarias en Podemos fronte á deputada Ánxela Rodríguez e o ex secretario xeral, Breogán Riobóo. Unha lista que, como suliña nesta entrevista, nace do sentir de distintos colectivos sociais e dos militantes de base de Podemos e que é “a dos militantes e a da dirección”.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 09/03/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Carmen Santos non é unha novata en Podemos. Foi unha das dirixentes que dimitiu do Consello Cidadán cando comezaron as pugnas internas polo poder dentro desta organización. E chegou a ese órganos endo a máis votada de todos os que se presentaron. Agora, despois de meses de conflitos internos decidiu presentarse novamente pero, desta volta, para liderar esta formación.

Carmen Santos, xunto con Breogán Riobóo e Pablo Iglesias
Carmen Santos, xunto con Breogán Riobóo e Pablo Iglesias

“Claro, estas primarias foron unha sorpresa traumática para todos, non contabamos que os meus ex-compañeiros de executiva, deputados inclusive, ían provocar este conflito despois de ilusionar a más de 400.000 galegos que votaron En Marea”, critica  en alusión a Ánxela Rodríguez e Breogán Riobón, os dous candidatos que terá en fronte. Aos dous os acusa de ser “responsables directos” do que está acontecendo por unha pugna “que viña polas eleccións galegas onde os intereses individuais de ambos entraron en colisión directa”.

“Eles fixeron estourar esa bomba cunha estratexia organizada para controlar, no caso de Riobóo, e de desfacer, por parte dos deputados e afíns”, suliña ao tempo que tamén ten claro que o ex secretario xeral “debeu dimitir, e facilitar un novo proceso da man da militancia”.

Por iso, Carmen se presenta como a candidata das bases e da dirección “porque somos un equipo, e manternos xuntos con lealdade é que nos vai facer fortes ante o que vén”.  A súa, di, é unha candidatura cun “equipo profesional” de xente pertencente á sociedade civil galega e integrantes dos círculos propostos na candidatura “tras un proceso democrático”.

“Todos os que mantemos ese ADN, as que dimitimos e os que non, os con cargo e sen cargo, seguimos xuntos como dende o primeiro día coa esperanza de construír o Podemos Galicia que desexabamos fai un ano dende a lealdade, e dende abaixo”, suliña.

Carmen Santos Queiruga, ex secretaria de Estratexia Política de Podemos-Galicia, e candidata ao novo proceso de Primarias
Carmen Santos Queiruga, ex secretaria de Estratexia Política de Podemos-Galicia, e candidata ao novo proceso de Primarias


Ti fuches a máis votada no primeiro proceso de Primarias de Podemos, entraches na súa dirección e logo dimitiches. Por que volves agora á carreira electoral dentro desta formación?
Por un desexo colectivo dun sector moi numeroso dos compañeiros e compañeiras que forman parte da militancia de Podemos, por petición dos inscritos que nos seguen fóra dos círculos e por xente dos movementos sociais que pertencen e participan en plataformas e asociacións que defenden a sanidade de Vigo ou o noso mar. A través desta nova oportunidade que se abriu queremos crear un proxecto ilusionante que consiga construír un Podemos galego forte, profesional e aberto que sirva para dar voz ao pobo e para construír con ese pobo as solucións axeitadas aos seus problemas. Pensamos que os liderados de verdade son os que nacen dun desexo colectivo dende abaixo, impulsados polos outros e non por un desexo persoal. Ese é o liderado a conectar coa cidadanía porque xorde de xeito natural. Non quero quedarme coa inquedanza de non ter intentado dar o máximo para arranxar o noso xoven proxecto e quedar a medias como o ano pasado.

Teñen algo que ver os problemas internos que existen en Podemos na túa decisión?
Claro, estas primarias foron unha sorpresa traumática para todos, non contabamos que os meus ex-compañeiros de executiva, deputados inclusive, ían provocar este conflito despois de ilusionar a más de 400.000 galegos que votaron En Marea. Realmente foi moi irresponsable. Pero os integrantes do equipo Un Mar de Xente dámoslle unha lectura positiva e pensamos que é unha nova oportunidade para mellorar, xerar ilusión e subir o perfil político, profesional e cidadán de Podemos Galicia.

E estás de acordo que quen foi secretario xeral, moi criticado dentro da formación, e unha deputada en Madrid se presenten ao proceso?
Non o estou, ambos son responsables directos de todo o que pasou dende o verán en Podemos, xa non digamos agora. Co cal, se fosen responsables faríanse a un lado polo ben do proxecto e da militancia. Iríalles moi ben traballar sen cargo orgánico, estou segura.

Tanto Ánxela coma Breogán se apoiaron mutuamente no comezo e mesmo coincidiron en criticar á xente que fostes dimitindo. Que pasou para que exista esa mala relación agora?
Si é curioso... pero se te paras a pensar, realmente é sinxelo; daquela estaban de acordo en unirse ante os seus obxectivos comúns non confrontados de cara ás xerais obrigándome a afastarme despois de desgastarme meses. Agora a pugna viña polas eleccións galegas onde os intereses individuais de ambos entraron en colisión directa, deles e doutros, e de aí estalou a guerra polo control do partido, para asegurarse cotas para os seus afíns.

E como chega Podemos-Galicia a ser unha pequena bomba a punto de estourar?
Porque os intereses de todos eles fixeron estourar esa bomba cunha estratexia organizada para controlar, no caso de Riobóo, e de desfacer, por parte dos deputados e afíns, o órgano autonómico coordinados con algún responsable da capital, e así deixar fóra de xogo ao lexítimo Secretario Xeral. Pero saíulles mal. No momento que se quedan sen o quórum mínimo legal polas 10 dimisións en bloque para manter o órgano político, Riobóo, penso que debeu dimitir, e facilitar un novo proceso da man da militancia. Se as persoas nas que el confiaba da executiva cesada, que estiveron un ano neses postos por decisión del, o deixaron desautorizado deste xeito, por riba tan mediaticamente, non ten lóxica empeñarte en manterte no cargo, na miña opinión.

Precisamente presentabas o teu equipo esta fin de semana coa ilusión posta nas bases. Que diferencia a túa candidatura da do resto?
Que ten unha continuidade nesa filosofía que propuxemos de que sexa unha candidatura baseada en tres partes: equipo profesional, xente pertencente á sociedade civil galega e integrantes dos círculos propostos na candidatura tras un proceso democrático. Esa foi a idea inicial que eu, e parte dese equipo, desexou levar a cabo fai un ano e non nos deixaron. Mantivemos os lazos coa xente que seguía crendo na base dos círculos e dos movementos sociais. Todos os que mantemos ese ADN, as que dimitimos e os que non, os con cargo e sen cargo, seguimos xuntos como dende o primeiro día coa esperanza de construír o Podemos Galicia que desexabamos fai un ano dende a lealdade, e dende abaixo. E niso estamos, e iso nos diferencia.

E Carmen Santos é unha candidata das bases ou da dirección?
Son unha candidata de ambas. Temos que traballar da man coa dirección e da man das bases porque somos un equipo, e manternos xuntos con lealdade é que nos vai facer fortes ante o que vén.

Digo por iso de que hai quen di que os procesos en Podemos poden ser teledirixidos desde Madrid?
Eu confío que nesta ocasión non sexa así, e que ningún líder madrileño, querendo ou sen querer, poida interferir nisto porque faría dano ás bases de xeito irremediable e danaría a súa propia imaxe tal e como estamos vendo no caso de Euskadi con Íñigo Errejón. A opinión pública xa non ve con bos ollos, máis alá dos inscritos máis fans de Podemos, que unha persoa necesite facerse fotos ou protagonizar actos cun líder estatal para poder crear o seu propio liderado se carece del. Non ten sentido nin é serio. No meu caso, propiamente, non me perdoaría danar a imaxe dun compañeiro tan valioso como Íñigo por tentar tomar vantaxe nun proceso que temos que gañar cadaquén de nós polo noso proxecto, traxectoria no partido, e en definitiva por mérito e capacidade propia e do teu equipo. Agora ben, cadaquén é libre de facer o que considere e calibrar as consecuencias do que faga, para el e para o partido.

Un tema do que se ten falado moito estas semanas... Estás a favor de reeditar En Marea para as autonómicas?
Si.

E con que condicións?
Cun proceso transparente, participativo e que garanta a igualdade dos que queiran formar parte dela.

Unha das principais críticas que se lle fai a Podemos é que é unha forza "españolista". Compartes esas opinións?
Podemos é un partido do sistema político español, cunha sensibilidade e unha aposta clara en favor da plurinacionalidade. Se non fose así, como galega con sensibilidade e identidade nacional, non podería formar parte deste proxecto. Estaría negando o que son.

Alexandra Fernández defendía en Madrid a autodeterminación para Galicia, entre outras peticións. Cres que é importante esta reclamación para o país?
O importante é reclamar o dereito a decidir, sexa polo si, sexa polo non. E sobre todo, que o decidamos nós en Galicia, e non outros. Aínda que é certo que segundo o CIS esta cuestión non é unha das prioridades dos galegos, existe un sentir xeral sobre o fundamental que é que se escoite a nosa voz como pobo nas institucións da capital para mellorar as nosas relacións dentro do Estado español.

Cóntame. Como vas facer a túa campaña?
Pois tentando que sexa unha campaña na que poida participar toda a militancia, os inscritos dende as súas casas a través das redes sociais, utilizando todos os medios que teñamos para chegar a eles, e que sintan este Mar de Xente de Podemos como o proxecto que os ilusionou, e segue a ilusionar a tantos e tantas de nós malia todo este balbordo, dende xaneiro de 2014 ata hoxe. Medrando e madurando.

E un desexo final?
Que isto sirva para repoñer folgos e ter máis experiencia á hora de crear un proxecto ilusionante que consiga que os galegos a voten polo cambio político, consigamos un goberno serio e progresista tralas eleccións galegas dende a unidade, e sobre todo, non hai nada que poida desexar máis que pór as institución en mans de persoas competentes e decentes, que por fin traballen para os galegos mellorando as súas vidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

11 Tere Davila

Va liderar Podemos la misma que se marchó a la primera de cambio. Carmen, en mi opinión, eres tan responsable de la situación interna de Podemos en Galica que Breogán y Ángela. Sinceramente, no te diferencias de ellos.

10 Sesese

E que viva hugo Chávez frias¡¡¡¡¡¡¡ menuda coñam

9 terbedelo

En Podemos xa non son tan ben levados: o poder trae navalladas! O papel do Breogan, sumiso e obediente a cupula madrieña mentres lle pagaron a merenda, non merece ningunha consideracion positiva. O da tal Anxela, aparato, cargo publico e control do partido, semella vella politica. Se cadra esta ben sendo a menos lixada, a menos mala (o poder nas bases, iso era a nova politica), pero para parecelo teria que comezar criticando o xeito do pacto secreto con Anova e IU para formar En Marea, o dirixismo desde Madrid, o dedo e os egos do lider supremo e comparsa, o escaso papel das bases, as listas plancha... para comezar a crer na diferenza!

8 per

Podemos é relixión e todos son amantes do Mesias Iglesias .So tedes radicalismo verbal,, pero sumisos ámorarquia , Etan e bases extranxeiras e votades non nos referendums que propoñedes.

7 vexo a tele...logo existo

Potemos non é mais que unha campaña publicitaria do capital, chea de impresentables, trepas e oportunistas da pior calaña.

1 Anxel

Tí tes pouca... ou mellor dito ningunha idea de política. Ti aposta entón pola esquerda de pp, c's e psoe jajaja Segue a ver a tv que non vas aprender máis coa media e atrofiada neurona que tes. Byeee

2 Vexo a tele do IBEX 35

Non Anxeliño, eu aposto por desmasculinizar a lingoaxe, que semella ser o que mais lle preocupa a "cidadanía" (termo pequeno burgués para tapar as diferentes capas sociais e as fendas enormes de ingresos), e mudar o nome de Congreso de deputados, polo de Deputados a secas. Iso me preocupa moitissimo mais que o dereito a decir o seu futuro, de todos os pobos. E se hai rollete entre o Podémico e a Levi, non vexas ti o que me preocupa, mais que poder xantar. E o que mis gosto é que me cobren ilegalmente o IBI antes de tempo. Son as 2 grandes aportacións de estes monicleques populistas do IBEX 35. Todos estes grupos populistas e postmodelnos coma Potemos- La Mare están mais que desacreditados no Occidente, mais coma eiquí a política é 3º "alter" mundista...evolucionade rapaces.

3 a pasta buena

A vella politica non tolera intrusos! Asi o vello, que foi servo do grande excravista do seculo XXI, Amancio Ortega, do que presume e defende noutros comentarios, tenlle alerxia a Podemos. Para o vello son preferibles os clasicos partidos sistemicos, a UPG e o PCE, que permiten ao poder economico seguir explotando e expoliando, a cambio dunha tallada menor para as barriguiñas dos "comunistas" (polo bon comer) do aparato. Que ledicia o dia que don Amancio foi declarado por TODOS como fillo predilecto, e o abrazo do Beiras do BNG e Camilo Nogueira! Que grandeza ser servo dun rico-home "feito dunha pasta especial"! Que perigo con Podemos!

4 vexo a tele...logo existo

Polo menos o explotador Amancio e un oligarca da economia real, non un usureiro banqueiro coma Botin de quen o progre Pablemos reivindicaba coma gran empresario. Ou o financieiro criminal sionista coma George Soros e o trotskista Roures magnate que fiixo a sua fortuna chuchando dos medios publicos, Ambolosdous amos dos cipaios Podemicos, que piden un tecnocrata do capital de presidente mais eurobonos, cara os tratados de libre comercio e nova orde mundial pplutocrata.. Se nos 50 considerasme vello, traema floxa, pero prexubilado con pension maxima.Con concencia operaria de clase e Patriota independentista, grazas a CIG e os camaradas da UPG, que eran os unecos que tiñan "eggs" a facerlle folgas a Ortega. Cousa que vos non veredes na vosa p.vida de lumpen, oniricos pequeno burgueses,

5 tortilla de eggs

Vello en ideas, diso te acusan meu rei, que non te queres enterar... De sistemico, por apoiar a uns farsantes. De falso enterado, que tanto usa argumentos da esquerda amamantada como emprega os da caverna. De tramposo, pois sabes da especulacion inmobilaria de Pontegadea, onde se concentra o capital de Inditex. De presuntuoso, presumido de ser un peon agradecido do sistema, lacaio agradecido. E de servo dun explotador dos galegos e da humanidade, pois por Indonesia, pola India, por Ceilan, na China ou Brasil saben das bondades teu amo. Con vellos resabidos coma ti voltamos a Idade Media.