Feijóo nega aumento de emigrantes e di que son fillos de segunda xeración

O INE apunta un incremento de emigrantes o pasado ano de case 10.000. Pero para o presidente galego “xa hai medio millón de emigrantes galegos desde hai moitos anos”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/03/2016 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

Dende 2009 marcharon 120.241 persoas de Galicia con destino a países estranxeiros. No último ano, a emigración galega creceu un 1,99%, pasando de 493.970 aos actuais 503.840, é dicir, 9.870 máis. Pero, a pesar destes datos, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ten a súa particular versión deste incremento: “Son emigrantes de segunda ou terceira xeración”.

Feijóo saudando a emigrantes galegos durante a comida no centro sen que haxa máis fotos nas que se vexa o presidente galego falar
Feijóo saudando a emigrantes galegos durante a comida no centro sen que haxa máis fotos nas que se vexa o presidente galego falar | Fonte: cronicasdaemigracion.com

Segundo un informe do INE,  do máis de medio millón de emigrantes, 106.182 están en Europa, o 21%. Ademais, desde 2016 rexistrouse un 31,34 por cento máis de residentes ausentes que hai sete anos.

E, a pesar desta evidencia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que as cifras non se corresponden con emigrantes actuais, senón que son, xa, fillos de emigrantes. “É certo que houbo un incremento pero boa parte deles son fillos de emigrantes e, polo tanto, emigrantes de segunda ou terceira xeración, porque medio millón de emigrantes xa os temos desde hai anos. Por iso hai que falar con datos e non con especulacións”, espetoulle ao xornalista da SER que lle preguntou sobre este incremento.

Posteriormente á rolda de prensa do Consello da Xunta, Feijóo tratou de enmendar a súa resposta asegurando que se refería ao número de emigrantes actuais e que o xornalista lle fixera dúas preguntas. “A pregunta e a resposta están aí, están gravadas”, contestoulle o xornalista Ricardo Rodríguez.

A Xunta enviou logo unha nota de prensa na que tentaba maquillar os datos do estudo do INE.”Así, mentres aumentou o número galegos residentes no Exterior xa nados no estranxeiro, en 11.827 persoas, descendeu en cambio o de galegos nados en Galicia que emigraron, que baixou en 1.741, desde 149.315 a 147.574”.

Un comunicado que insistiu na versión de Feijóo. “O aumento no número de galegos residentes no Exterior non debe identificarse co número de persoas que “emigran”, pois a inmensa maioría dos primeiros nunca residiron en Galicia. Así, dos galegos residentes no Exterior, un 69’06 % naceu xa no estranxeiro, e a porcentaxe dos que naceron en Galicia e marcharon segue a diminuír, do 30’22 % en 2014 ao 29’28 % en 2015”, recolle.

“Desa necesidade de diferenciar emigrante versus residente no Exterior dá proba o feito de que Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela sexan algúns dos países onde se rexistra nos últimos anos o aumento máis significativo de cidadáns galegos”, finaliza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta