Por Alberto Quian | Madrid | 23/03/2016 | Actualizada ás 15:13
As futuras xeracións aprenderán nos libros de historia que o 22 de marzo de 2016 Barack Obama deu un discurso histórico aos cubanos no Gran Teatro da Habana. O que probablemente non contarán é que a sombra da emigración galega presidiu o reencontro entre os Estados Unidos capitalistas e a Cuba comunista logo de máis de medio século de bloqueo ianqui. E non só nos referimos ás orixes galegas dos Castro —a do Fidel ausente e a do Raúl presente—, senón, e sobre todo, aos cimentos do coliseo no que se escenificou este reencontro histórico.
Antes de que en 1960 fose confiscado pola Revolución cubana, o Gran Teatro da Habana era o Centro Galego, un símbolo para o galeguismo, pois foi alí onde se interpretou por primeira vez a marcha do Himno de Galicia, o 20 de decembro de 1907. Pero a historia deste fabuloso coliseo remóntase anos atrás, á primeira metade do século XIX.
A construción deste centro foi encargada en 1834 polo entón gobernador español Miguel Tacón y Rosique ao empresario Francisco Marty Torrens, quen á súa vez lle encargou o proxecto ao arquitecto Antonio Mayo. Catro anos despois, o 15 de abril de 1838, foi inaugurado como Teatro Tacón.
A historia deste centro deu un xiro cando en 1906 a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia comprou este espazo á compañía Anónima del Liceo de la Habana, que antes llo comprara a Marty.
As orixes desta agrupación de emigrantes remóntanse ao 31 de decembro de 1871, cando unha trintena de galegos se reuniron nos salóns do Teatro Albisu para pór en marcha unha obra filantrópica. Tres semanas despois, o 21 de xaneiro de 1872, celebraron a primeira xunta xeral da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, que comezou a súa andaina con cincocentos socios. Anos despois, en 1906, esta sociedade mutualista fíxose co Teatro Tacón e cos terreos adxacentes.
A comunidade galega decidiu entón derrubar o antigo coliseo —xa por entón coñecido como Teatro Nacional— para construír o Centro Galego, un enorme espazo de estilo neobarroco encargado, por concurso, ao arquitecto belga Paul Belau e que incorporaba o gran teatro no que Obama rematou este martes con máis de medio século de distanciamento entre Cuba e Estados Unidos.
O discurso de Obama tivo lugar no mesmo lugar onde hai 109 anos se interpretou por primeira vez a marcha do Himno Nacional de Galicia, cos versos de Eduardo Pondal e a música de Pascual Veiga. Foi o 20 de decembro de 1907, ano no que comezou a construción do Centro Galego na Habana, exactamente o 8 de decembro daquel ano.
As obras arquitectónicas remataron no ano 1915 e o novo teatro foi inaugurado oficialmente en abril de 1915 coa ópera Aída, de Verdi, pola compañía de Adolfo Bracale. O complexo, ademais do teatro, incluía salóns de baile, un casino, oficinas, uha caixa de aforros, restaurantes, etc.
Pero en 1960 a Revolución cubana confiscou esta propiedade da emigración galega, alfaia arquitectónica de La Habana, que pasou a mans do Estado. En 1965 pasou a ser a sede permanente do Ballet Nacional de Cuba. En 1985 tomou o nome de Gran Teatro de La Habana e en 2015 foille anexado o nome de Alicia Alonso, mito vivo do ballet do país caribeño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.