Galegos que loitan por vivendas dignas en Guatemala

Arquitectura Sen Fronteiras e AGARESO presentan "El derecho a un techito', un documental que recolle o traballo de voluntarios galegos durante oito anos para que comunidades indíxenas teñan unha vivenda digna.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/03/2016 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

En vinte días Raúl e a súa familia durmirán baixo un teito por onde non pasa a choiva. Nin o medo. Un teito que protexerá a Raúl e aos seus fillos por primeira vez na súa vida da violencia, da enfermade, e da inxustiza que sofren os máis pobres de Guatemala.

Arquitectura sen Fronteiras (ASF) leva máis de oito anos traballando por unha vivenda digna en Guatemala
Arquitectura sen Fronteiras (ASF) leva máis de oito anos traballando por unha vivenda digna en Guatemala | Fonte: Guatemala

Este é o argumento do documental que mostra o traballo que Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) desenvolveu en Guatemala nos últimos oito anos sobre o dereito a unha vivenda digna. Neste país, máis dun millón e medio de familias non teñen acceso a unha vivenda adecuada e saudable. Por iso, esta ONG traballa da man das súas contrapartes ASIAPRODI e FODHAP para promover, baixo a filosofía da produción social de vivenda, o dereito a un fogar digno para as persoas máis empobrecidas.

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos di que todas as persoas teñen dereito a unha vivenda digna, a un fogar. En Guatemala ou en Galicia. A idea subxacente é que todo o mundo necesita un espazo para vivir e desenvolverse integralmente.

Por iso, o pasado mes de novembro tres voluntarios da ONGD AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) desprazáronse até a costa sur de Guatemala, onde opera ASF,  para rodar o documental "El derecho a un techito" que centra a súa atención no traballo de ASF e os seus socios no país e no porqué desta situación, contextualizando unha realidade complexa, e apoiando a idea da vivenda non como unha mercadoría, se non como un dereito.

Guatemala ostenta a dubidosa honra de ser un dos países máis desiguais do mundo, cunha taxa de persoas sufrindo pobreza do 53.7%, (INE, 2013).  "Non é de estrañar por tanto que case a metade da poboación do país viva en infravivendas de autoconstrucción que non cumpren cunhas condicións hixiénicas e de seguridade mínimas", indica AGARESO nun comunicado. Unha situación que afecta directamente á súa saúde, e tamén os fai vulnerables ante as inclemencias meteorolóxicas, os terremotos, os incendios ou a violencia.

A peza, de 25 min, estrearase o xoves 31 de marzo ás 20h na Fundación Luís Seoane da Coruña. Tras a proxección terá lugar un coloquio cos membros de AGARESO e ASF implicados no desenvolvemento do documental. Tamén participarán a través de videoconferencia os socios de ASF desde Guatemala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta