A Xunta di que actuou con “rigor e máxima dilixencia” nas inundacións de Sada

Destaca que se activaron os protocolos de emerxencia 45 minutos despois de que comezara o temporal, logo de recibir o aviso da AIMET. A Deputación da Coruña apoia a declaración de zona catastrófica de Sada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

“Actuamos con rigor e coa máxima dilixencia posible”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre as inundacións que este mércores sufriron localidades do norte da Coruña, principalmente Sada, aínda que tamén Oleiros e Carballo.

Varios coches baixo as augas en Sada
Varios coches baixo as augas en Sada | Fonte: FB Albeert Pérez

Así, e ante as críticas dalgúns veciños e de formacións políticas sobre a pouca falla de previsión do Goberno galego para evitar unha catástrofe destas dimensións en Sada, con varias rúas completamente asolagadas, Feijóo insistiu en que o Goberno galego actuou “con medios e con dilixencia”. “E iso é o que nos din os alcaldes da zona”, suliñou este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Neste sentido, destacou que Presidencia activou todos os medios que dependen da Xunta ás 6:45 horas do pasado mércores, que foi cando, dixo, recibiu o aviso da Agencia Estatal de Metereología (AIMET). “O temporal comezou sobre as 06:00 horas e en 45 minutos xa nos avisaron”, indicou.

Así, dixo que desde as 00.00 horas do día 30, os servizos de Emerxencia actuaron en 121 incidencias. “Seguimos sobre o terreo todo o que pasou”, apuntou ao tempo que agradeceu aos profesionais de emerxencias e tamén aos concellos afectados e aos seus alcaldes o traballo realizado. “O prioritario foi solucionar os problemas dos que nos foron avisando”, engadiu.

“Ás veces, as previsións precipítanse”, dixo sobre o acontecido este mércores. “E , a pesar dos bens deteriorados, actuouse con rigor e a máxima dilixencia posible”, engadiu ao tempo que recalcou que a Xunta estivo, desde o primeiro momento,  en contacto cos alcaldes de Sada e de Carballo.

Graves inundacións en Sada
Graves inundacións en Sada | Fonte: FB Albeert Perez

Por outra banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprometeu este xoves o apoio económico da institución provincial coa localidade coruñesa de Sada. Tras visitar a zona cualificou de "catastrófica" a situación e, por iso, anunciou a presentación dunha moción para a súa declaración como tal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Hermerico

Telegaita: ninguém sabe qual é a causa