Galardón para o Lugo de Durán

O adestrador do equipo lucense recibe o premio ao mellor adestrador de Segunda en marzo, mes no que acadou dez dos doce puntos disputados, con tres vitorias (Osasuna, Córdoba e Albacete) e un empate (Alavés). “É un aliciente máis” na procura dos “éxitos colectivos”, asegura.

Por gcdeportes | Lugo | 01/04/2016 | Actualizada ás 09:08

Comparte esta noticia

2-0 a Osasuna; 1-2 en Córdoba; 0-0 en Vitoria co Alavés; e 2-1 ao Albacete no Anxo Carro. Dez dos últimos 12 puntos, un mes de marzo case inmellorábel, que lle serve a José Durán para recibir o Premio BBVA ao mellor adestrador do mes na Segunda División, categoría na que se estreou a finais de febreiro.

O técnico galego debutou (nesta segunda etapa) no banco do Lugo trala dimisión de Luis Milla antes do encontro co Real Zaragoza. Durán, que adestraba o equipo xuvenil do Lugo, estreouse con derrota (3-1). Tras caer na Romareda, o equipo lucense era 14º con 36 puntos, e miraba máis para abaixo que para o ascenso.

Co novo adestrador, o CD Lugo venceu case tres meses despois na casa e firmou un mes de marzo sen derrotas: tres vitorias (Osasuna, Córdoba e Albacete) e un empate co Alavés (0-0) en Vitoria. Agora, a falta de once xornadas para o remate da Liga, o CD Lugo é oitavo con 46 puntos, a tan só un da promoción de ascenso. “Aires renovados e un CD Lugo que aspira a todo”, afirma La Liga no seu comunicado.

“A chegada de José Antonio Durán ao banco do CD Lugo a finais de febreiro significou un cambio de rumbo para o conxunto lucense, que non deixa de darlle alegrías á súa afección”, salientan dende lfp.com.

Para José Durán, o premio é “un aliciente máis” para seguir traballando no Lugo e tentar acadar “éxitos colectivos”: “Sen restarlle mérito ningún, o premio é un aliciente máis. Pero alicientes na situación que me toca vivir, non me faltan: estou no club da miña casa, en Segunda División e coa miña xente”, explicou á televisión do club.

Durán destacou que debe o premio individual á fortaleza do equipo. “Se isto se consigue é grazas ao traballo dos xogadores e o traballo conxunto do corpo técnico. Se non, sería imposible”. E adicou o galardón: “Se algo me alegra desta situación é que reforza á xente que apostou por min, ao club neste caso. A nivel persoal, dedícollo á familia e, profesionalmente, ao club, aos futbolistas, ao corpo técnico, ao Consello de Administración e á familia alvibermella”.

Tino Saqués e José Durán, co premio na sede da Liga.
Tino Saqués e José Durán, co premio na sede da Liga. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta