Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2025 | Actualizada ás 11:44
A lei para a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria a Galicia presentada polo BNG foi rexeitada polos votos do PP, que considera que a proposta levada ao pleno polos nacionalistas supuña "avanzar no camiño cara á independencia" para "eliminar" á Garda Civil e a Policía Nacional e "substituílas" por "unha policía galega".
O debate da proposición de lei abriu a sesión plenaria no Parlamento de Galicia, que derivou nun choque entre o deputado do BNG encargado de defender a iniciativa lexislativa, Iago Tabarés, e a parlamentaria e número dous do PP de Galicia, Paula Prado, que cargou contra o BNG pola súa alianza con EH-Bildu, a quen definiu como aqueles "que teñen as mans manchadas de sangue de garda civís e policías asasinados" pola banda terrorista ETA.
A diferenza da última dúas veces nas debateuse (con esta foron xa catro ao longo das últimas décadas) o traspaso das competencias de tráfico a Galicia, os populares votaron en contra dun texto que si apoiaron socialistas e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea.
Todo porque, segundo expuxo Paula Prado, o obxectivo do BNG "non" é que Galicia asuma as competencias "para mellorar a seguridade dos galegos", senón "avanzar cara á independencia de Galicia" e "botar" á Garda Civil e a Policía Nacional. "Mentres o PP teña maioría absoluta e goberne en galicia, a Garda Civil e a Policía Nacional seguirán en Galicia. Nunca cederemos ás chantaxes do independentismo", aseverou o número dous do PP galego.
Precisamente, o debate foi seguido desde a tribuna do hemiciclo por representantes da Confederación Española de Policía (CEP) e da Asociación Prol Garda Civil (Aprogc) que, antes do inicio do pleno, manifestaron o seu rexeitamento ante o Parlamento de Galicia á creación dunha policía propia galega e o traspaso das competencias.
Na súa quenda, Iago Tabarés lembrou que o desenvolvemento dunha policía autonómica figura no Estatuto de Autonomía sen que fose desenvolvida desde a creación da unidade adscrita a principios dos anos 1990. A iso, engadiu que a folla de ruta para a asunción das funcións de "vixilancia e tráfico" partiu do goberno do popular Manuel Fraga e que foi o Executivo estatal presidido por José María Aznar quen traspasou estas competencias a Cataluña no ano 1997.
"Co que non tiñan ningún problema neses anos é que un alto cargo de sanidade fose do ganchete cun narcotraficante", espetou Tabarés en alusión á foto do actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, con Marcial Dourado, coa que pechou un debate que subiu de ton co cruzamento dialéctico entre o deputado nacionalista e a popular Paula Prado.
Antes, a do PP subliñara que o seu grupo "sempre" estivo a favor de que Galicia "asumise" as competencias en tráfico pero que "nesta ocasión" o BNG ten como "intención real" seguir "a folla de ruta" marcada pola UPG de "queimar a rúa" para que as "tropas nacionalistas" lancen "iniciativas" encamiñadas á "independencia de Galicia", neste caso, coa creación dunha "policía galega".
Tras apuntar que existen conversacións "ao máis alto nivel" para a renovación o convenio de colaboración entre Xunta e Estado para a unidade adscrita da Policía Nacional, Prado acusou ao BNG de "compartir papeleta con aqueles que teñen as mans manchadas de sangue de garda civles e policías asasinados", en alusión á alianza nas europeas dos nacionalistas galegos con EH-Bildu.
Tabarés dixo "non querer entrar ao trapo" da "bochornosa" intervención de Prado e, na súa quenda de peche dun debate que abriu coa defensa de que Galicia necesita asumir as competencias para xestionar de forma máis eficiente unha rede de estradas "particular" que presenta unha das taxas de sinistralidade máis altas do Estado, remarcou que se trataba dunha proposta "de mínimos" que estaba exposta "nos mesmos termos" que a transferencia do Estado a Cataluña durante a etapa de Aznar.
PSOE E DEMOCRACIA OURENSANA
Nas súas respectivas quendas, o deputado do PSdeG Carlos López Font lamentou os 15 anos nos que os gobernos do PP "non elevaron o teito competencial" de Galicia e xustificou o voto favorable ao texto en que a asunción destas funcións permitiría deseñar "actuacións integrais" desde a Comunidade galega.
Tamén votou favorablemente o parlamentario de Democracia Ourensana e membro do grupo mixto, Armando Ojea, que, no entanto, considerou que a elaboración de estatísticas conviría deixala en mans do Estado porque os estudos son máis "fiables" a maior volume da mostra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.