Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2025 | Actualizada ás 13:29
Os deputados do PSdeG compareceron este mércores en rolda de prensa para dar conta da súa análise desta etapa do goberno que preside Luís López do que lamentaron a súa "falta total de lealdade institucional". A portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, manifestou que a Deputación de Pontevedra neste mandato "converteuse nun instrumento ao servizo de intereses partidistas do Partido Popular", polo que, na súa opinión, volveuse a "eses anos máis escuros do Partido Popular nesta institución".
Afirmou tamén que o de Luís López é "un goberno que non escoita, non entende e non atende aos concellos que non comparten a súa cor política". Do mesmo xeito, sinalou que é "un goberno sen modelo, sen rumbo e sen proxecto", que vive "da inercia do anterior goberno socialista" e que está ocupado co "caciqueo e as estratexias de despacho", en referencia ás "manobras políticas para recuperar Alcaldías de maneira ilícita". "Utilizan os recursos da Deputación para tecer alianzas políticas ao ditado de Rueda e de Génova, nunha estratexia caciquil que busca nos despachos o que non conseguiron nas urnas", censurou a portavoz do grupo provincial do PSOE.
"SECTARISMO"
Para os socialistas, a administración provincial ten agora un "goberno do sectarismo e de colocacións", xa que denuncian que nestes dous anos, "o Partido Popular colocou nos postos de responsabilidade da Deputación a persoas afíns, priorizando a militancia sobre a valía profesional".
Ana Laura Iglesias tamén criticou que a integración da Escola de Enfermaría da Deputación na Universidade de Vigo está "absolutamente paralizada", que o Museo de Pontevedra sofre un "abandono total e absoluto", que o proxecto de rehabilitación de Santa Clara "converteuse nun símbolo de inmobilismo", que a perda dos 3 millóns de euros de fondos europeos para reformar os edificios históricos do Museo é "un claro exemplo da falta de traballo deste goberno provincial" e que no Centro de acollida de animais (CAAN) "deuse marcha atrás na súa modernización" e xa non se fan campañas de sensibilización e fomento da adopción.
"Son un goberno sen ideas, sen interese e sen corazón", resumiu a portavoz do PSOE, que aproveitou para criticar o "abandono total" de áreas como infraestruturas que, segundo dixo, "depende exclusivamente dos proxectos herdados do anterior mandato".
No referente a Deportes, lembrou que a finais de xullo "as liñas de subvencións deportivas da Deputación seguen sen resolverse", mentres "camuflan" outros patrocinios deportivos "asignando recursos de forma opaca". En canto á área de Igualdade definiu como "vergoñosa" a política do PP na Deputación de Pontevedra porque "seguen co rodete ideolóxico, sen un compromiso claro neste campo". Tamén fixo un balance negativo noutras áreas como Turismo, "cunha clara retardación de proxectos estratéxicos", Medio Ambiente "onde o único que fixeron foi cambiar o nome a programas xa existentes" ou Benestar Social, onde "agora o investimento vai para camisetas e para mitins do Partido Popular". "En conclusión, para tantas críticas como recibimos, tan mal non o fariamos cando a metade do seu mandato consiste en seguir vivindo das nosas rendas", aseverou Ana Laura Iglesias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.