O Macizo Central; un debate entre industrias mineiras e químicas e a protección da natureza

Viana do Bolo ten dous grandes proxectos industriais; unha planta química para gasificar carbón e producir metanol e a explotación dunha mina de tantalio. Uns proxectos que se desenvolven moi preto dunha zona proposta para a Rede Natura e que ameazarían directamente a supervivencia da aguia real e de colonias de morcegos, tal e como denuncian ADEGA e a SGHN.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 06/04/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Viana do Bolo debátase entre a instalación de industrias consideradas agresivas co medio ambiente por entidades ecoloxistas e a pervivencia dun entorno natural e paisaxístico único no que, ademais de colonias de morcegos, cría unha das especies en perigo de extinción de Galicia, a aguia real, que volveu a estas serras en 2014.

Mina da Penouta, en Viana do Bolo, onde  Pacific Strategic Minerals Spain SL quere explotar tantalio
Mina da Penouta, en Viana do Bolo, onde Pacific Strategic Minerals Spain SL quere explotar tantalio | Fonte: youtube.com

Nun extremo do municipio, a empresa galega Paratermo Energía prevé obter metanol e hidróxeno gasificando o carbón mediante un “proceso absolutamente limpo”, segundo di, e cunha “tecnoloxía punteira” con patentes ligadas á NASA.  No outro, a canadiana Pacific Strategic Minerals Spain SL, quere extraer tantalio das balsas de decantación da antiga mina de volframio de Penouta. E no medio, un espazo paisaxístico hábitat natural da aguia real.

A empresa enerxética quere instalarase en réxime de alugueiro en 188 hectáreas da mancomunidade de montes das parroquias de Pigarreiras –onde prevé producir no primeiro ano 75.000 toneladas de metanol e 375 de hidróxeno-- e ter unha facturación de 22,5 millóns. A inversión inicial é de 54 millóns e prevé crear 67 postos de emprego directos e 120 indirectos. De feito, o ex rexedor da localidade, o popular Andrés Montesinos presumía hai un ano de que xa recibiran 3.000 ofertas de emprego.

A empresa rexistrou todas as memorias na Xunta de Galicia e no Concello de Viana do Bolo en marzo do pasado ano coa intención de estar operativa a final do 2015. Pero o proxecto leva un ano agardando e semella que quere tomar agora un novo pulo.

Sen embargo, non concello xa non está o PP, senón o BNG, unha formación que o pasado ano se opuxo ao proxecto pero que, polo momento, mantén certa prudencia . O obxecto da empresa é, segundo consta nas solicitudes para a obtención dos permisos da empresa, crear “unha planta de combustible industrial mediante a gasificación do carbón, utilizando como enerxía térmica a producida pola radicación solar”.

Planta industrial como a que se quere instalar en Viana do Bolo, en Ourense pola empresa Paratermo Energía
Planta industrial como a que se quere instalar en Viana do Bolo, en Ourense pola empresa Paratermo Energía | Fonte: ADEGA

Precisamente, un dos factores prioritarios para o proceso que levará a cabo nas instalacións é a enerxía térmica. Requírese unha gran cantidade para a obtención do metanol e esta circunstancia foi determinante para a elección dos terreos de Viana do Bolo, ao ser unha zona de gran radiación solar e non existir elementos contaminantes ou que incidan na calidade da mesma.

Apoio da Xunta

As xestións para crear a fábrica de metanol e hidróxeno iniciáronse hai tempo e o estudo económico data do ano 2014. De feito, desde a empresa teñen destacado o apoio e respaldo obtido en todo momento pola Consellería de Medio Ambiente e o anterior Concello de Viana do Bolo e suliñan que se tramitaron as correspondentes solicitudes para acceder ás axudas do Igape e Ministerio de Industria.

Con todo, o proxecto ten firmes detractores, entre eles as organizacións ecoloxistas. ADEGA vén de presentar alegacións ao que considera un “novo delirante proxecto”. De feito, e a pesar das “técnicas punteiras” das que presume a empresa, a organización ecoloxista di que o proceso é fortemente endotérmico e precisa grande cantidade de enerxía obtida mediante captadores solares. Tamén denuncia que ten un elevado consumo de auga (preto de 40.000 m3/ano) que bombearán do río Camba. “Cómpre ter en conta que o transporte do carbón dende as bacías mineiras de Asturias e León, a centos de quilómetros, xerará importantes emisións de gases de efeito invernadoiro, alén dos derivados do proceso químico de gasificación”, indica.

“Chama temén a atención o feito de que esta actividade pretenda ubicarse sobre chan rústico nun espazo fóra das diversas superficies industriais da provincia de Ourense, moitas delas infrautilizadas, e afastada das principais vías de comunicación  precisas para o transporte da materia prima (unas 100.000 Tm/ano de carbón) e a distribución dos produtos (75.000 Tm/ano de metanol) e subprodutos (375 Tm/ano de H2)”, engade.

De feito, nas súas alegacións tamén destacan que a empresa promotora, Paratermo Energía, SL, non conta tampouco con financiamento para facer fronte aos investimentos requeridos polo proxecto. Así, tería pedido 35 millóns en créditos bancarios e contaría con subvencións e axudas públicas  por valor de 2,8  millóns, así como co propio capital social, malia a que este é só de 3000€, tal como recolle o Rexistro Mercantil. ·Considerando a implicación dos promotores en iniciativas similares (Granadilla de Abona, 2009; Tabernas, 2012) todas rexeitadas polas administracións, semella evidente que a viabilidade económica do proxecto está directamente condicionada á obtención de financiamento privado (banca e/ou investidores) así como de axudas públicas. Podemos supoñer xa que logo, con pouca incerteza, que é este o principal obxecto do negocio”, indica ADEGA.

A aguia real, en perigo

Malia a que o proxecto non ocupa en superficie ningún espazo protexido, sitúase a poucos centos de metros do LIC Macizo Central e do Río Camba, proposto pola Xunta para integrar a RN2000 en 2011. Ademais, segundo a entidade ecoloxista, as afeccións das actividades da empresa “incidirán negativamente” sobre a da paisaxe, os hábitats e as especies.

“Polo que atinxe á paisaxe, a explanación de preto de 200 hectáreas de chan rústico nun espazo de alta calidade visual resulta manifestamente incompatíbel coas determinacións da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galiza”, engade.

No tocante aos hábitats, o proxecto, di, implica a eliminación ou alteración dunha ampla área con presenza do hábitat de interese comunitario 4030, “Queirogais secos europeos”, e dun hábitat de conservación prioritario, os “Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsor, código 91E0, na zona do val do río Camba”.

Por iso, ADEGA insiste en que o promotor non pode invocar as excepcións do artigo 6 da Directiva 92/43 CEE de Hábitats, relativa ás actuacións sobre hábitats prioritarios, por canto a actividade que promove non pode ser considerada “de interese pública de primeira orde” e ademais podería desenvolverse noutras localizacións máis acaídas.

Pero, realmente, esta industria a quen afectaría realmente, segundo a entidade ecoloxista, sería á aguia real (Aquila chrysaetos), especie en perigo de extinción que nas proximidades da planta industrial conta cunha das escasas parellas reprodutoras de Galicia, como se pode ver na foto do membro de ADEGA, Ramsés Péres. Trátase dunha área crítica de nidificación no territorio do Macizo Central Ourensán, segundo o recollido no Plano de Recuperación da especie para Galicia.

A aguia real é unha especie moi sensible ás molestias de orixe antrópica durante o período reprodutivo especialmente no período de selección de cantil de nidificación e fases de incubación. As perturbacións humanas nas inmediacións dos niños poden provocar o abandono e o desprazamento das aguias a zonas menos óptimas para cazar. “A este respeito, unha planta química a escasos metros dunha área crítica de nidificación tería efectos negativos sobre o éxito reprodutivo da especie”, suliña.

Por iso, reclama da Xunta a denegación da AAI (Autorización Ambiental Integrada) para esta actividade, alertando ás administracións implicadas que non se deixen embaucar por estes "proxectos milagre" e rexeiten adicar un só euro público a "negocios" coma este.

Críticas á mina de tantalio

Pero as de ADEGA non son as únicas reclamacións. Tamén a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) presentou unha serie de alegacións á mina de tantalio de Penouta nas que pide que se avalíe a presenza de minerais radioactivos, por exemplo o torioi. "Nós non dicimos que existan ou non, só que, a nivel mundial, onde hai tantalio e estaño non é raro que haxa tamén minerais radioactivos", explicaba hai uns días o presidente da organización. En caso de confirmarse as súas sospeitas, habería que contactar co Consello de Seguridade Nuclear e seguir todos os protocolos para garantir a seguridade dos traballadores das minas e residentes na contorna.

A SGHN tamén pediu que se avalíen os efectos das explotacións mineiras sobre as poboacións de morcegos “no caso das galerías subterráneas”, hábitats de interese prioritario e especies protexidas. "Penouta está a carón dá zona de especial protección para aves de Pena Trevinca", sinalou González
.
A explotación desta mina está a cargo da canadiana Pacific Strategic Minerals Spain SL, que quere extraer tantalio das balsas de decantación da antiga mina de volframio de Penouta e cuxos terreos arrendou por 6.000 euros anuais. Un prezo que os veciños consideraron barato e pretenden aumentar.

A multinacional canadiana di que xerará entre 70 e 100 postos de traballo nun concello no que hai preto de 250 persoas como demandantes de emprego. O anterior concello popular xa anunciara que Pacific Strategic Minerals xa posuía todos os permisos necesarios para comezar a extracción de tantalio cun proxecto que ronda os 10 millóns de euros.  

Parellas de aguias reais no Macizo Central ourensán
Parellas de aguias reais no Macizo Central ourensán | Fonte: Ramsés Pérez, ADEGA
Situación da mina de Penouta, en Viana do Bolo
Situación da mina de Penouta, en Viana do Bolo
vista do macizo central de Ourense
vista do macizo central de Ourense | Fonte: ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta