A galega Tania Penas, ouro na Olimpíada Española de Bioloxía

A estudante compostelá, de segundo de bacharelato, viaxará á cidade vietnamita de Hanoi canda os outros tres gañadores do concurso español para participar na fase internacional.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 11/04/2016 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A estudante compostelá Tania Penas Iglesias é unha das catro medallas de ouro da XI Olímpiada Española de Bioloxía, proba que este ano se celebrou por primeira vez en Galicia, na Facultade de Bioloxía do campus de Vigo.

Tania Penas, segunda pola dereita, cos outros tres gañadores da Olimpíada Española de Bioloxía
Tania Penas, segunda pola dereita, cos outros tres gañadores da Olimpíada Española de Bioloxía | Fonte: DUVI

"Estou tremendamente sorprendida, todos os meus compañeiros e compañeiras son absolutamente brillantes e nin por un segundo se me pasou pola cabeza que podía gañar eu. Para min o auténtico premio era o simple feito de participar, coñecer a estas persoas e gozar xuntos de todas as experiencias que vivimos nestes tres últimos días”, dixo en declaracións recollidas por D. Besadío.

A medalla de ouro dálle paso á fase internacional destas probas, que este ano se celebrarán na cidade vietnamita de Hanoi do 17 ao 24 de xullo

Xunto a Tania Penas, outros tres estudantes recibiron tamén cadansúa medalla de ouro: os madrileños Claudia Lombardo e Alberto Maurel, e o navarro Jorge Tarancón, e outros catro foron distinguidos coa medalla de prata: Pablo Cifuentes, de Castela A Mancha; Jordi Garriga, de Cataluña; César Palacios, de Madrid e Alberto Pezonaga, de Navarra. No caso dos gañadores da prata, o seu destino será a Olimpíada Iberoamerica de Bioloxía, que se celebrará na Universidade de Brasilia do 11 ao 16 de setembro.

Xunto a eles recibiron tamén diplomas cada un dos 61 participantes da Olimpíada Española de Bioloxía, todos eles estudantes de segundo de bacharelato de todas as comunidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta