Riazor acollerá o Galicia-Venezuela

Fran González e Míchel Salgado serán os adestradores da Selección Galega o vindeiro 20 de maio, na súa volta sete anos e medio despois. A Futgal anuncia un derbi Celta-Dépor para a vindeira pre-tempada en Sudamérica.

Por gcdeportes | A Coruña | 14/04/2016 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

Como contra Ecuador no 2006 e contra Irán no 2008, a Selección Galega absoluta voltará a Riazor para a súa reestrea, sete anos e medio despois, o vindeiro 20 de maio con Venezuela. Así o anunciou Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, na súa comparecencia nun hotel da Coruña. As obras de remodelación no estadio municipal de Balaídos foron decisivas para inclinar a balanza cara á Coruña. “Entendiamos que había dúas posibilidades pola presenza de Venezuela. Unha era Riazor e outra Balaídos. Eleximos Riazor polas obras de Balaídos”, argumentou Rafael Louzán, quen destacou a predisposición absoluta tanto de Deportivo como Celta para o regreso da Selección Galega.

Mosaico coa bandeira galega nas bancadas de Riazor.
Mosaico coa bandeira galega nas bancadas de Riazor. | Fonte: lfp.es

Asemade, o presidente da Futgal anunciou que os seleccionadores de Galicia ante Venezuela serán Fran González, ex–xogador do Deportivo, e Míchel Salgado, ex do Celta. “Fran e Míchel Salgado teñen título de adestrador, e foron xogadores internacionais, dous emblemas do fútbol galego recente”, xustificou a escolla.

Louzán, que dixo levar meses traballando en silencio na volta da Selección Galega, recoñeceu contactos con Venezuela, Paraguai, Uruguai, Costa Rica, Qatar e Emiratos Árabes, pero que das opcións estudadas Venezuela era a que ofrecía “as mellores condicións”. A selección Viñotinto estará cinco días de concentración no noso país, onde preparará a súa participación na Copa América Centenario, que se disputará en xuño en Estados Unidos. O Galicia-Venezuela de Riazor servirá de presentación para o seu novo técnico, Rafael Dudamel.

Rafael Louzán destacou os lazos de unión entre Venezuela e Galicia, con miles de galegos emigrados no país sudamericano e ata 8.000 venezolanos asentados no noso país: “É a unión das dúas Galicias, a de aquí e a de acolá”.

O presidente da Futgal, como tantas outras veces, lembrou que os partidos da Selección Galega na época do Goberno bipartito custaron “entre 800.000 e un millón de euros”, pero agarda que a cita deste ano estea por debaixo desa cifra. Sobre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Louzán asegura que deu o seu visto e prace ao regreso da Selección Galega.

Ademáis, o dirixente da Federación Galega anunciou para a vindeira pre-tempada un derbi entre Celta e Dépor en Sudamérica, sendo “Arxentina ou preto” o escenario máis probábel. A data está pendente da clasificación final do Celta, e a súa clasificación para competición europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Arawak

Arriba Vinhotinto! :)))a ganarle a PortuGaliza ! ;)

1 Verbarro

Ostras Pedrín, que raro que non haxa ninguén falando de imposicións nacionalistas, lingüísticas, identitarias... Onde estades trolls??