Abanca di que “quere ser o principal aliado” dos empresarios galegos

Prevé conceder 11.000 millóns de euros en novos créditos para a empresa durante os próximos tres anos. Presenta en Vigo a súa oficina de empresas.

Por GC Emprende | Vigo | 15/04/2016 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Juan Carlos Escotet, vicepresidente de Abanca, quere que a súa entidade bancaria sexa o “principal aliado” do tecido empresarial galego. Así o anunciou no acto de presentación da súa oficina de empresas en Vigo ante máis de 200 empresarios.

Presentación da oficina de empresas de Abanca en Vigo
Presentación da oficina de empresas de Abanca en Vigo | Fonte: Abanca

“As empresas son un segmento de negocio prioritario para Abanca  e ímoslle dar un impulso durante este ano”, dixo. “Queremos seguir sendo o principal aliado do tecido empresarial galego apoiándoo, principalmente a través do financiamento, tanto no seu día a día coma nos seus proxectos de crecemento e expansión internacional”, engadiu.

Pola súa banda, o conselleiro delegado, Francisco Botas, anunciou que “o plan de impulso á empresa que deseñou a entidade para 2016 contempla crecementos de dous díxitos tanto en financiamento de circulante coma en préstamos a longo prazo para apoiar novos proxectos de investimento”. “Para desenvolver este plan contamos con dous elementos diferenciais no mercado: a nosa especialización e coñecemento do tecido empresarial galego e a capilaridade da nosa rede de oficinas, a maior de Galicia”, explicou.

Abanca contempla no seu plan de negocio un obxectivo de concesión de 11.000 millóns de euros en novo crédito para a empresa durante os próximos tres anos. A entidade financeira financia ao 61% das pemes e empresas galegas con débeda bancaria, e suma 12.900 millóns de euros na súa carteira de investimento empresarial. O banco ten na súa base de clientes máis de 272.000 empresas e autónomos.

Oficina de empresas

Abanca presentou este xoves a súa nova oficina de empresas en Vigo,  a primeira da rede de empresas do banco adaptada ao novo modelo desta entidade bancaria e “deseñada para mellorar a calidade de servizo ao cliente a través de solucións tecnolóxicas de última xeración”.

Este centro, segundo informa o banco, contará con amplos espazos abertos (non hai mostradores nin despachos) e zonas diferenciadas en función do servizo que se preste ao cliente. “Esta nova organización das oficinas da entidade financeira galega obedece a un modelo de relación co cliente máis funcional, próximo, innovador, eficiente e sostible”, sinala.

O centro, localizado no baixo da sede institucional do banco en Vigo, conta cun equipo de trece profesionais cun elevado nivel de especialización, entre os que figuran xestores especialistas en áreas de negocio “moi requiridas polas empresas, como son o comercio exterior, os seguros e os produtos de tesourería”.

Á presentación da nova oficina asistiron máis de 200 empresarios de Vigo e a súa zona de influencia, acompañados polos principais directivos de Abanca e distintos cargos da área de empresas da entidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta