Rubato e a pel de galiña

Neste 2016 apareceu unha nova promesa musical en Galicia. Trátase do dúo Rubato, que ten a súa base na vila coruñesa de Palmeira. Son Miguel Ángel Iglesias Núñez na voz e na guitarra acústica e Alberto Millán Betanzos nas frautas, percusión e coros.

Por Ramón Torrado | Noia | 19/04/2016

Comparte esta noticia

Os dous eran amigos no instituto e como compañeiros con inquedanzas musicais formaron o grupo de rock O mellor de cada casa, no cal crearon temas pegadizos como “Muñeca de cera”, con letra de Nando Chirivitas de Ribeira  e un poderoso traballo do baixista Fernando “llon” de Aguiño. Despois estiveron dentro da comarca de Barbanza en diversas formacións, tales como Básico, Amigos de nunca, Chiquilicuatres, Sine qua non, Os monifates e Compañía do ruído. Miguel Ángel ten no seu haber numerosos concertos en solitario.

 A actuación de Rubato no local chamado A Abadía de San Enrique en Cabo de Cruz, Boiro, deixou a fonda impresión de estar diante dunha lexítima luz de esperanza no campo da música galega. En composicións propias, a voz conmovedora de Miguel Ángel sorprendeu por ter ese sentimento de graza baixo presión que pertence aos heroes esquecidos. Hai ecos de Sabina, de Springsteen e de Silvio Rodríguez que se funden nunha voz propia e nosa. El mesmo se acompañou dun toque de guitarra francamente fermoso que entraba en delicados arranxos con elegante sutileza. Outro tanto fixo Alberto nas frautas, ligando o pop e o rock cunha gracilidade que leva a unha sensación ancestral e a lembranzas de grupos folclóricos portentosos como Pentangle ou Fairport Convention.

Preguntados sobre a situación actual da música en Galicia, mostráronse combativos: fronte a luminarias omnipresentes como Susana Seivane ou Cristina Pato, hai numerosos casos de artistas – mencionaron o caso dun grupo excelente e ignorado chamado Bonovo – que non recibiron recoñecemento ou apoio, quedando condenados ao silencio. Apuntan tamén que na mesma Barbanza hai moita xente con potencial, pero falta unha xestión propicia que os faga visibles. O triste resultado é que se disolven proxectos e que xente con talento se marcha para fóra.

Os dous amigos de Rubato seguen “on the road”, no camiño. Presentan cancións compostas por Miguel Ángel e arranxadas en conxunto. Nunha lista de 28 títulos, unha cuarta parte son versións (Springsteen, Víctor Manuel, Billy Joel, Loquillo, Antonio Vega, León Gieco, The Waterboys) e o resto son temas orixinais nos dous sentidos da palabra. No titulado “Profeta loco”, por exemplo, Miguel Ángel conta a historia dun home de Palmeira que tomou a determinación de crear unha relixión propia e que polas noites daba que facer aos veciños cos seus sermóns dende a fiestra da súa casa. Este home existe e chorou admirado ó escoitar a obra que o retrata. Hai cancións de amor auténticas, como “A la otra orilla del mar”, unha declaración de dignidade contra as falsas percepcións que fala dun grilo no embigo, e outros temas en galego e en castelán con letras interesantes esculpidas coa materia dun fondo de recordos que o cantante con frecuencia amablemente explica ao público.

Quedaba por preguntar polas influencias, e neste punto Beto explicou con elocuencia que tódalas músicas de certa calidade inflúen nos verdadeiros músicos. Poden vir ideas de La Polla Records ou dos Panchos, de Víctor Jara e Violeta Parra ou de Negu Gorriak, do jazz e do blues, do soul e das músicas do mundo. Na súa opinión, aínda que non o digan abertamente, probablemente a maioría dos intérpretes – sexa cal sexa o seu xénero musical - están influídos por Mozart e a música clásica.

Rematada a entrevista, Miguel Ángel tivo o detalle de revelar algo máis do seu espírito artístico poñendo un vídeo que amosa unha composición feita expresamente por el para a compañía de Padrón Xoré Teatro. A preciosa balada “Voltar atrás” que se pode ver en YouTube é unha boa mostra do lirismo de cantante de tango que brilla para o ben da música galega dentro dunha honestidade apartada da mercadotecnia no dúo Rubato, e logra iso que Beto tanto bota de menos na música actual: cancións que poñan a pel de galiña.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.