Galicia estrea a titulación de Enxeñaría Aeroespacial

Aprobados os novos estudos universitarios, que empezarán a impartirse no campus de Ourense no próximo curso 2016/2017, con 50 prazas dispoñibles.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 20/04/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Galicia ofertará o novo grao de Enxeñaría Aeroespacial a partir do vindeiro curso académico 2016/2017. O novo programa de estudos comezará a impartirse no campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Presentación do grao de Enxeñaría Aeroespacial
Presentación do grao de Enxeñaría Aeroespacial | Fonte: DUVI.

Os novos estudos foron presentados oficialmente este martes e nacen co obxectivo de captar e formar talento investigador que nutra a aposta polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial galego, que terá en Ourense o seu vértice académico.

O grao de Enxeñaría Aeroespacial constará de 240 créditos repartidos en catro cursos académicos. Con 50 prazas dispoñibles, os estudantes poderán especializarse realizando nos dous últimos cursos a mención en Aeronaves ou a mención en Equipos e Materiais Aeroespaciais, dous dos cinco itinerarios curriculares estipulados para estes estudos.

Unha vez aprobada a titulación, e xa planificados os recursos e o persoal necesarios para impartir o seu primeiro curso a partir de setembro, falta só por definir a ubicación exacta da escola nas instalacións xa dispoñibles do campus de Ourense. Este mesmo martes chegou á Universidade de Vigo o informe definitivo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia dando a súa aprobación á memoria de título presentada.

“Esta nova titulación dotará de músculo ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego”, recalcou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo durante a presentación. Mato explicou que o novo grao se deseñou “tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades”.

O título de Enxeñaría Aeroespacial, subliñou Salustiano Mato, “é unha aposta que facemos desde a Universidade de Vigo para toda Galicia”, xa que será unha titulación única no Sistema Universitario Galego

No acto tamén estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que comentou que un dos obxectivos do goberno é “fixar un novo sistema produtivo” para ser menos dependentes ante as crises económicas que poidan xurdir. Neste contexto, indicou, está a aposta polo despegue do sector aeronáutico-aeroespacial galego.

O presidente da Xunta explicou como a estratexia neste sector se basea nun triángulo formado por empresa (materializado no recentemente presentado Centro de Innovación Aeroespacial de Nigrán), industria (co proxecto de creación dun polígono de fabricación de drones en Rozas), e na formación, co grao anunciado este martes.

Este novo grao, afirmou, “será a porta de entrada de talento para o polo aeronáutico-aeroespacial”, permitindo pechar este triángulo e ofrecendo unha visión completa sobre o sector. Recalcando a importancia de “ser ambiciosos desde a prudencia”, o presidente da Xunta subliñou como a través deste novo título “vamos a ser capaces de ofrecer unha formación de excelencia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

As accións de Boeing e Airbus acaban de caer un oitenta por cento. As subvebcions da Junta de Alicia suben un cento por cento

1 Ramón 4

Lo importante es la foto...