Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/05/2016 | Actualizada ás 13:08
O Concello de Ourense anunciou sancións para as persoas que non recollan os excrementos dos seus cans con multas que oscilan entre 100 e 500 euros, e que podería chegar até os 3.000 euros se é nunha zona verde ao considerarse falta 'grave' ou 'moi grave'.
Fontes municipais indicaron nun comunicado que os servizos municipais vixiarán a partir de agora o cumprimento das normas e que sancionarán "todas aquelas actitudes contrarias á normativa e á boa convivencia cívica".
Esta medida súmase á futura posta en marcha dun proxecto de concienciación sobre a tenencia de animais nos espazos públicos.
De forma paralela, o consistorio ten previsto perseguir tamén "con instrumentos legais" a todas aquelas persoas que depositen na vía pública "veleno e produtos para rexeitar ou sacrificar animais con sancións que van desde os 1.800 até os 3.000 euros.
"Esta práctica está prohibida e pode traer consecuencias perniciosas para os animais e para as persoas, polo que se solicita e esixe o cesamento inmediato destas prácticas, tales como colocar xofre nas beirarrúas, detectado nos últimos días", indica o concello.
No ano 2015 a Policía Local, en colaboración co Seprona, tramitou preto de 300 expedientes sancionadores, principalmente por denuncias veciñais por ruídos ou molestias de mascotas. Ademais, tramitou 15 expedientes relacionados con posible caso de malos tratos animais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.