Outra galega para Río

A RFEA confirma a presenza de Alessandra Aguilar na selección para o maratón das vindeiras Olimpiadas, que serán as terceiras para a lucense con 38 anos. Son xa seis os deportistas galegos con praza oficial para os Xogos'2016.

Por gcdeportes | Lugo | 03/05/2016 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

Haberá representación galega no maratón feminino de Río o vindeiro 14 de agosto ás 9.30 horas. A Federación Española de Atletismo ven de anunciar a selección olímpica de maratón e como se prevía alí estará a lucense Alessandra Aguilar, nos que serán os terceiros Xogos Olímpicos para a atleta afincada en Madrid tras Pequín’2008 e Londres 2012.

A lucense Alessandra Aguilar, tras quedar 5ª no Mundial de Moscú en 2013.
A lucense Alessandra Aguilar, tras quedar 5ª no Mundial de Moscú en 2013. | Fonte: @RFEA

Aguilar acadou a mínima olímpica no maratón de Londres'2015, onde foi 14ª cun tempo de 2h29:45, marca non superada por ningunha outra atleta española no periodo de consecución de mínimas olímpicas. Considerada como a mellor maratoniana española dos últimos tempos, a lucense afrontará os Xogos de Río con 38 anos, que cumprirá o vindeiro 1 de xullo, o que lle outorga unha grande experiencia cunha ducia de maratóns nas súas pernas dende que debutou na distancia en Rotterdam no 2008.

Segundo destaca a RFEA, a media das súas dez mellores carreiras é de 2h30:25. O mellor rexisto persoal é 2h27:00, cando foi cuarta no maratón de Rotterdam en 2011 (a terceira mellor marca española de tódolos tempos). Na súa última cita maratoniana, a atleta lucense foi 17ª no Mundial de Pequín, cunha marca de 2h:33:42. Aguilar xa foi olímpica en Pequín’2008, onde entrou en meta na 54ª posición cunha marca de 2h39:29, e en Londres’2012, onde foi 25ª con 2h29:19. Ademáis, foi quinta no Mundial de Moscú en 2013 con 2h32:28, a súa mellor actuación internacional.

Alessandra Aguilar é a cuarta deportista galega confirmada para os vindeiros Xogos de Río, xunto coa padexeira Teresa Portela (quinta cita olímpica), Támara Echegoyen (a primeira campioa olímpica galega da historia) e a nadadora pontevedresa María Vilas, que vivirá os seus primeiros Xogos na proba de 400 estilos. Tamén están clasificados o pentacampión mundial Javi Gómez Noya e o pontevedrés nado en Cantabria Fernando Echávarri, ouro en Pekín’2008, que participará xunto coa canaria Tara Pacheco na clase Nacra 17. A lista ampliarase nos vindeiros días, agás sorpresa, co arqueiro Miguel Alvariño, e hai moitas máis opcións galegas, sobre todo no piragüismo e no remo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta