Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 05/05/2016 | Actualizada ás 08:00
O proceso das mareas municipalistas avanza sen agardar que os partidos da confluencia cheguen a pactos entre si. O grupo Mareas en Común reunirase de novo este sábado cunha data marcada no calendario: realizar eleccións primarias para candidatos á Xunta o 26 de xuño.
No proceso de confluencia municipalista -bautizado como Marea Viva- participan arestora 28 mareas locais e máis de 800 persoas. Na reunión en Bertamiráns este sábado teñen previsto marchar a casa cun censo, folla de ruta, regulamento, principios éticos e todo o necesario para o proceso electoral.
De cumprir o aprobado na pasada reunión de Sada, os inscritos poderán votar definitivamente as propostas programáticas que se están a debatir xa durante este mes de maio. As candidaturas poderanse presentaranse a partir 5 de xuño . A campaña durará dez días a partir do 17 de xuño. Os candidatos provinciais e o candidato á Xunta debería ser proclamado despois das primarias do 26.
Poderanse presentar os líderes das diferentes forzas e iniciativas interesadas na confluencia (ANOVA, Podemos Galicia, Esquerda Unida, Equo+Espazo, Foro Galego, etc.) ás primarias? Nada o impide en principio, pero as mareas municipalistas teñen establecido que en todo caso a participación nelas é de “adscrición individual”. É dicir, quen se presente terá que facelo co seu nome, e non apoiado cunhas siglas partidarias detrás.
As mareas municipalistas invitaron publicamente a participar na reunión de Ames as seguintes forzas políticas: Abrente – Esquerda Democrática Galega, Anova – Irmandade Nacionalista, Anticapitalistas Galiza, Cerna, Encontro Cidadán por unha Marea Galega, En Marea, Equo Galicia, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida, Foro Galego, Fronte Popular Galega
e Podemos.
Ademais da coñecida ausencia do BNG (quen xa deixou claro que non está interesado nas mareas), destaca a diversidade dos convidados. Están os partidos tradicionais que impulsaron a confluencia para as xerais (ANOVA, Podemos e Esquerda Unida), pero tamén participarán propia confluencia nas Cortes a disolver (En Marea), partidos que están en proceso de fusión (Espazo e Equo), correntes internas que estaban noutros partidos até hai nada (caso de Abrente) e mesmo colectivos que non existen como partido senón que son simples iniciativas de debate (caso de Foro Galego, que reúne a mandatarios municipais que eran do BNG).
No caso de que todos os citados colectivos acepten que a Marea Viva das Mareas en Común é o foro no que queren artellar unha confluencia, deberán chegar a acordos antes do 5 de xuño. Do contrario, veranse abocados a enfrontarse nas primarias do 26 ou renunciar a participar canda os municipalistas, quen mesmo barallan inscribir esta iniciativa como partido político propio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.