A censura e a petición de rescate

No mes de marzo deste ano as protestas continuaban no novo hospital de Vigo (HAC); as demandas dos cidadáns acentúanse e a preocupación social non mingua. A Administración sanitaria está incómoda, as continuadas críticas resúltanlle incómodas. Así é que recorre a un método moi antigo: tapar as bocas dos que protestan.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 04/05/2016

Comparte esta noticia

O xerente Félix Rubial emitiu, a primeiros de marzo, unha instrución para reprimir as críticas no interior do hospital. Na circular advirte que poderá haber sancións para o persoal se continúa a difusión de “mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde”. A advertencia inclúe a difusión “por medios informáticos” de mensaxes negativas sobre o hospital.

Con esta instrución interna pretenden calar as voces críticas; mentres tanto a concesionaria contratou unha empresa para difundir opinións positivas sobre o HAC nas redes sociais, e mesmo crearon perfís para divulgar comentario favorables sobre o funcionamento e a xestión do centro. O persoal do HAC fixo unha sentada de protesta, coas bocas tapadas, contra desta medida inquisitorial da xerencia. Pero censura non se reduce ao terreo profesional; tamén no ámbito da política se pretende calar as voces discordantes. Así pasou no Parlamento galego onde o profesor Beiras, portavoz de AGE, foi expulsado despois dun debate intenso no que esta formación propuxo o rescate do HAC para a sanidade pública, para evitar o pagamento dunha “peaxe na sombra”, que implica a hipoteca que a Xunta deberá pagar –con diñeiro público, obviamente- ata o ano 2034: en total 1.300 millóns en forma de canon anual. Despois dun enfrontamento verbal co voceiro do PP o presidente da Cámara –Miguel Santalices- expulsou a Beiras (por promover “desorde grave coa súa conduta”): o portavoz perde os seus dereitos parlamentarios durante 15 días. Resulta evidente que as voces críticas non son ben admitidas nas filas do partido gobernante. 

En Marea tamén levou a petición de rescate ao Parlamento de Madrid. A finais de marzo presentou no rexistro da Cámara Baixa unha proposición non de lei na que solicitan que se anule a adxudicación do HAC á empresa concesionaria. Reflicte a argumentación presentada pola AGDSP e SOS Sanidade Pública e afirma que o risco de financiamento non foi asumido pola empresa xa que foi cuberto en gran medida polo Sergas con créditos do BEI e o ICO.

Pese a todos os intentos por acalar as críticas a loita dos cidadáns e profesionais pola recuperación do hospital continúa. E ademais a realidade é moi terca e, por moito que se intente facer prevalecer a versión dixital sobre o mundo real, este imponse. Nesta semana santa de 2016 a prensa informa da presenza dunha nova infección nosocomial na Unidade de Coidados Intensivos. A bacteria Klebsiella detectada na UCI deixou vinte cultivos de pacientes con resultados positivos. O Defensor do Paciente solicitoulle á fiscal xefe de Vigo que abra de oficio unha investigación sobre esta posible infección hospitalaria. Destaca que este tipo de infeccións –que poden ser graves e mortais en persoas coa inmunidade deprimida-, son propias de centros hospitalarios e son evitables se se cumpren de forma estrita os protocolos establecidos.

Os cidadáns da área sanitaria de Vigo precisan moito máis que propaganda. Deben saber que a súa saúde está protexida, que non corren risco co seu internamento no hospital, e que se prioriza o dereito á saúde da poboación sobre as ansias de enriquecemento da empresa concesionaria. A Administración sanitaria ten a obriga de garantir que prevalecen os dereitos cidadáns por enriba do afán de lucro. Agardemos que así sexa, mais para eso teremos que cambiar aos gobernantes. Estes xa teñen demostrado sobradamente cales son as súas intencións. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.