Por gcdeportes | Ferrol | 08/05/2016 | Actualizada ás 10:20
Ficha técnica
Racing Ferrol 2: Ian Mackay; Iván González, Víctor Vázquez (Golobart, 85’), Catalá (Kike Márquez, 74’), Diego Maceira; Garrido, Borja Domínguez, Diego Vela, Héber Pena (Iván Forte, 59’), Pablo Rey e Joselu.
Racing de Santander 2: Óscar Santiago; Fede, Caneda, Santamaría, Migue García; Borja Granero, Óscar Fernández (Isma Ferro, 67), Álvaro Peña, Dani Rodríguez (Artiles, 47’), Dioni e Pumpido (Coulibaly, 57’).
Goles: 0-1: Álvaro Peña (minuto 10). 1-1: Borja Domínguez (46’). 1-2: Borja Granero (73’). 2-2: Santamaría, en propia meta (89’).
Árbitro: Iván Caparrós (valenciano). Expulsou os dous adestradores Miguel Ángel Tena e Pedro Munitis no minuto 89. Amarelas a Pablo Rey (27’), Diego Maceira (37’), Borja Domínguez (47’), Garrido (54’), Víctor Vázquez (78’), Iván González (89’) e Diego Vela (89’) nos ferroláns e a Dani Rodríguez (21’), Fede San Emeterio (33’), Pumpido (33’), Álvaro Peña (44’), Borja Granero (73’), Santamaría (89’) e Pedro Munitis (25’) no Racing de Santander.
Incidencias: partido da 37º xornada de do grupo primero da Segunda B no estadio da Malata ante preto de 9.000 espectadores, entre eles un milleiro de afeccionados cántabros.
Nervios, máxima tensión e espectáculo na Malata entre dous candidatos ao ascenso. Continuas leas entre xogadores, os dous adestradores expulsados, catorce amarelas entre os dous equipos, pasión nas bancadas… e empate épico dos racinguistas no minuto 89. O Racing de Ferrol igualou por dúas veces un marcador adverso e firmou un empate (2-2) ante o seu perseguidor, o Racing de Santander, que lle permite manter o liderado a falla dunha xornada. Deberá gañar o domingo na súa visita ao Atlético Astorga para ser primeiro e xogar polo ascenso a eliminatoria dos campións.
Foi o Racing quen tentou xogar ao fútbol, e os visitantes, co marcador a favor case todo o partido, quen tentou tolear os ferroláns para impedir o seu xogo. Os de Pedro Munitis ían ao límite en cada acción, e os locais tardaron en asentarse. Case no primeiro ataque, Álvaro Peña, tras un erro na marca da defensa, aproveitou para batir a Ian Mackay e facer o 0-1 no minuto 10.
O Racing puido empatar xa no minuto 13, pero o remate coa testa de Iván González petou no pau. Os cántabros buscaban continuos contactos, sobre todo con Héber Pena, para trabar o partido, pero as ocasións foron chegando para os locais. Unha falta de Pablo Rey obrigou a estirada de Óscar Santiago e Joselu precipitouse nun man a man co meta rival, que despexou coas pernas o remate. O Racing dominaba ante un rival que se limitaba a defender, pero o gol non chegou ata despois do lecer. No primeiro minuto da segunda parte, golazo de Borja Domínguez dende case trinta metros.
Pedro Munitis refrescou o equipo con Artiles e Coulibaly, mentres que Tena reforzou o medio campo coa entrada de Iván Forte. Os cántabros chegaron con perigo nun par de ocasións e Mackay evitou o gol nun remate de Fede San Emeterio tras un córner. No minuto 73, nun erro defensivo nunha xogada a balón parado, Borja Granero fixo o 1-2 no segundo pau libre de marca.
O resultado non servía, e Tena arriscou todo coa entrada de Kike Márquez polo central Catalá para xogar con tres defensas. O cansazo fixo que o partido se abrise na recta final, e Golobart entrou no minuto 85 para o xogo aéreo na área rival. O Racing non se rendeu e insistiu, e o empate chegou no minuto 89 nun remate de Iván González que un defensa cántabro desviou ao fondo da rede do seu equipo. Ledicia máxima, no céspede e na bancada, expulsión dos adestradores e pequena lea final que non foi a maiores. O Racing de Ferrol ten o primeiro posto ao alcance. Despois, o play-off cara ao obxectivo do ascenso.
Outros resultados (37ª xornada)
Coruxo 1 – Celta B 3
Cultural Leonesa 0 – Pontevedra 0
Compostela 4 – Atlético Astorga 1
Valladolid B 1 – Somozas 2
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.