Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/05/2025 | Actualizada ás 20:30
'Se chove, que chova'. Con esta expresión tan galega recíbenos a nosa entrevistada de hoxe. Unha estadía de tan só 10 meses en Galicia foi suficiente para que Haruna, unha xaponesa de 29 anos, quedase namorada da nosa terra, das nosas paisaxes, da nosa gastronomía, da nosa xente e... da nosa música! Ata o punto de que non o dubidou cando tivo a oportunidade de coller unha gaita e poñerse a tocar. Haruna chegou aquí para aprender o idioma castelán e, ao final, levouse como grandes agasallos que leva no corazón como auténticos tesouros varios refráns galegos e varias pezas de música tradicional da nosa terra. Así se pode ver nos seus vídeos en Tik Tok (@vera56656). Agora, tras levar pouco máis de catro meses de volta en Xapón, xa está pensando en retornar a Galicia, concretamente a Camariñas, para pasar outra estadía. "Se todo vai ben, gustaríame volver o vindeiro ano", confesa.
Como conta ao Galicia Confidencial, "a miña idea orixinal de pasar un tempo en Galicia era poder aprender castelán, porque xa falaba cinco idiomas --xaponés, inglés, ugandés, camboiano e italiano-- e quería engadir o español tamén". Así, aproveitando que un amigo da súa nai tiña unha casa en Camariñas, foi como Haruna chegou a Galicia, o 4 de abril do pasado ano 2024. Cal foi a súa sorpresa cando, entre aprendizaxe e aprendizaxe, descubriu a música tradicional galega. "Eu non sabía que había unha música tan bonita en Galicia", confesa, asegurando que "encantoume". E é que esta xaponesa sempre tivo unha vinculación especial coa música, tendo en conta que a súa nai é profesora de piano en Xapón. "Dende pequena medrei escoitando música na miña casa", conta. Sen embargo, tamén concede que "nunca antes intentei aprender a tocar nin me interesei pola música". Pero iso cambiou cando puxo un pé en Galicia.
"Cando cheguei a Camariñas fixen unhas amigas novas que un día me convidaron a ir con elas a unha foliada", lembra, nostálxica, Haruna. Ela non tiña nin a máis remota idea do que era iso, pero cando chegou alí e veu como soaba aquel instrumento tan fermoso que era a gaita galega, acompañada da pandeireta, "quedei abraiada". "Nunca antes vira algo así e estaba moi sorprendida e emocionada ante algo tan fermoso", conta cos ollos brillantes. Ademais, aínda que non sabe explicar moi ben o por que, asegura que, "ao escoitar aquela música, sentín nostalxia da miña terra". "Non sei por que, porque nunca antes vira iso, pero invadiume a nostalxia", reafirma. Todas esas emocións non as podía deixar pasar sen máis, polo que rapidamente lle dixo ás súas amigas que quería aprender a tocar a música galega. E, por suposto, as súas amigas recibiron a súa petición cos brazos abertos e ofrecéronse a ensinarlle.
"O SON DA GAITA É ALGO SEMELLANTE AO DOS INSTRUMENTOS TRADICIONAIS XAPONESES, AÍNDA QUE CULTURAMENTE SEXAMOS MOI DIFERENTES"
Como conta, "estiven aprendendo con dous grupos: un de cantareiras, de Camariñas e chamado 'As Cansorriñas', onde aprendín a cantar cancións tradicionais en galego; e outro grupo que tocaba diversos instrumentos, de Xaviña e chamado 'Vaiche Boa', no que había gaitas, bombo, tambor, pandeireta...". Para Haruna poder estar nestas clases foi un auténtico agasallo. "Aprendín moito de profesores e amigos de cada un dos grupos e tamén me levaron tocar con eles a festas, foliadas e actuacións todos os meses". "Paseino moi ben e aprendín máis de 20 cancións en galego e tamén máis de 20 tocadas en gaita", asegura. Ademais, o seu profesor de gaita ensinoulle a 'Muiñeira de Chantada', unha das súas favoritas por un motivo moi especial: "Eu estaba moi emocionada cando ma ensinou, porque coñecina o mesmo día que me atopei por primeira vez coa música galega", resalta, confesando tamén que "empecei a aprender gaita porque quería poder tocar esa canción algún día". Grazas á música, e aínda que o obxectivo principal era aprender o español, tamén foi aprendendo cousiñas en galego.
Agora Haruna emprega as súas contas en redes sociais para subir vídeos de como progresa a súa habilidade tocando a gaita galega. Vídeos que se enchen de cariño e de apoio por parte dos seus amigos, pero tamén de seguidores galegos que se amosan marabillados ante o cariño que unha cidadá do outro lado do mundo lle dá á nosa música, así como de xaponeses que descobren na nosa tradición unha fonte de inspiración. "Á xente estanlle gustando moito os vídeos tocando a gaita galega", asegura. Así, aínda que leva dende o mes de xaneiro de volta en Xapón, non deixa de tocar. "Xa merquei unha gaita e teño tamén catro pandeiretas que me agasallaron os meus amigos", conta Haruna, que, ademais, tamén puxo a aprender á súa nai. "Á miña nai tamén lle gusta moito a música galega e agora podemos practicar xuntas", afirma.
Pero, como é posible que Haruna se emocionase tanto cando escoitou a gaita galega por primeira vez? Ten algunha relación coa música tradicional xaponesa? Pois, como nos di, "creo que o son das gaitas é un pouco semellante ao dos instrumentos tradicionais xaponeses", aínda que, como confesa, "as culturas galega e xaponesa sexan moi diferentes porque as separan milleiros de quilómetros". Quilómetros que se reducen cada vez que Haruna colle a súa gaita galega e se pon a tocar en calquera recuncho da súa vila, próxima á cidade de Osaka, a segunda máis grande de Xapón, con case 19 millóns de habitantes. Este ano tocará música galega en diferentes lugares de Xapón e seguirá publicando vídeos en redes sociais. "Dentro dunhas semanas teño a oportunidade de ir á Casa do Maior da miña vila para tocar a gaita para a xente maior", conta, o cal supón para ela "unha posibilidade máis de compartir a cultura galega coa xente de Xapón".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Fest Galicia, a nova marca da Xunta para o patrocinio de festivais de música
- Actividades especiais no Muncyp polo Día Internacional dos Museos
- Ler e gozar da literatura en compaña de autores e autoras aproveitando as Letras Galegas
- Haruna, a mellor embaixadora da música da gaita galega en Xapón: "Nunca escoitara nada tan fermoso"
- Malpica, vila natal das Pandeireteiras de Mens, será o epicentro do Día das Letras Galegas en homenaxe ás cantareiras
- Galicia homenaxea ás súas cantareiras, "unha cuestión de xustiza"