Diego Calvo acusa ao Goberno de non enviar á Xunta un "expediente secreto" sobre 9.000 pisos turísticos ilegais

A deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou que a Xunta "está deliberadamente protexendo" a "quen está a incumprir as normas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, queixouse de que o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, mantivo un recente encontro coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no que lle trasladou un "expediente secreto" sobre que en Galicia hai 9.000 pisos turísticos "ilegais", pero sen que se fixo chegar esa documentación á Xunta.

No pleno do Parlamento, a deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou que a Xunta "está deliberadamente protexendo" a "quen está a incumprir as normas" con pisos turísticos ilegais, posto que acusa o Goberno galego de dar de alta "todas" as solicitudes que lle chegan sen comprobar ningunha documentación, pero "agora néganse a retiralos". Censura que están "a boicotear activamente" a municipios que queren pór couto, co "exemplo máis paradigmático" en Santiago.

Remarca que o Concello de Santiago xa remitiu unha listaxe á Xunta cos 66 pisos turísticos que están en regra para funcionar, polo que o resto "non ten o título para exercer". Así mesmo, Alexandra Fernández denuncia unha "fuxida cara a adiante" da Xunta ao pedir unha "sentenza xudicial" de "caso por caso" nun "pseudoprocedemento" que identifica cunha obstrución. Recrimina que o Executivo autonómico é "cómplice con todos eses propietarios que pretenden pasar por encima das normas urbanísticas".

En resposta, Diego Calvo defendeu que Galicia foi das primeiras comunidades en regular as vivendas turísticas cun decreto de 2017 no que se estipula que é "potestade" dos municipios "comprobar se incumpre ou non a normativa" cada piso e, de non cumprirse, debe comunicarse a Turismo para que proceda a tramitar un expediente de baixa.

De feito, expón que "xa se aplicou" e "non é certo" que a Xunta estea "a protexer deliberadamente" aos pisos turísticos, posto que entre 2024 e o que vai de 2025 déronse de baixa 134 vivendas deste uso en Compostela. "Dígalle aos seus compañeiros de Santiago que fagan o seu traballo", espetou Calvo a Fernández, e que "digan que pisos son e cales son as causas" para que non poidan estar operativos.

O conselleiro afea que o ministro fale de 9.000 vivendas turísticas ilegais en Galicia sen achegar esa información ao Goberno galego. "Onde está esa documentación?", cuestiona.

Tamén reprocha que o goberno de Santiago leva "varios meses" falando de zona saturada, pero "aínda non entregaron a petición". Engade que "levan opondo" ás VTC, pero "a alcaldesa, alcaldía ou o Concello contrata VTC". "Igual que os colleron coas VTC, vanos a coller nas patacas con outros casos", advirte Diego Calvo.

Pola súa banda, fontes da Delegación do Goberno indican a Europa Press que o Ministerio de Dereitos Sociais ten previsto "entregar pronto" esta documentación ao Executivo autonómico.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no Parlamento. ANA VARELA
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no Parlamento. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta