Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/05/2016 | Actualizada ás 12:25
A Xunta continúa co seu obxectivo de impulsar o actual modelo forestal. Desta volta, será con axudas directas de ata 600.000 euros para aquelas empresas de primeira transformación de produtos forestais que superen os 10.000 m³ de materia prima empregada.
Feijóo xustificou estas novas axudas aludindo a que o 68% das terras en Galicia son forestais e que é a primeira potencia española e a novena de Europa neste sector. Un sector, dixo, do que viven 70.000 perosas e que supón o 25% dos empregos industriais do país.
A normativa europea impide que as industrias desta dimensión se beneficien dos fondos comunitarios, polo que o Goberno galego decidiu aprobar estas axudas con fondos propios. O Consello da Xunta deste xoves informou sobre estas achegas, que se plasmarán proximamente nunha orde específica da Consellería do Medio Rural.
O importe da axuda para cada empresa beneficiaria será do 25% dos custos elixibles; no caso de pequenas empresas, poderá incrementarse ata un máximo do 35%. Establécese unha axuda máxima por beneficiario de 100.000 euros. Mediante estes fondos poderán financiarse os investimentos en activos fixos produtivos tales como bens de equipamentos e instalacións en serradoiros e obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de serra, nave de serradura e para almacenamento de produtos no propio serradoiro.
Tamén, os bens de equipamento, instalacións e obra civil necesarios para almacenamento doutros produtos forestais distintos da madeira e non alimentarios (biomasa, cortiza, etc.) na propia industria. O prazo de presentación de solicitudes para concorrer a estas axudas será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, que se prevé en breve.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.