Aumenta a presenza de moluscos tropicais na costa galega

Investigadores galegos detectan que as especies de augas frías están retrocedendo, mentres que outros gasterópodos que non eran habituais en Galicia avanzan cara o norte.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/05/2016 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

Un equipo de investigadores galegos leva varios anos estudando os cambios na distribución dos moluscos gasterópodos na costa atlántica da Península Ibérica. O seu obxectivo inicial era crear un mapa da distribución das especias na actualidade para, comparándoo con datos de hai décadas, determinar os avances e retrocesos das poboacións. Tras culminar esta etapa, agora comezou un novo proceso, centrado en buscar datos que vinculen estes cambios poboacionais ao cambio climático. Os profesores da Universidade de Vigo Marcos Rubal e Jesús Souza Troncoso colaboran neste proxecto con Puri Veiga, da Universidade de Santiago de Compostela e Juan Moreira, da Universidade Autónoma de Madrid.

Especie Stramonita haemostoma
Especie Stramonita haemostoma | Fonte: DUVI.

Os investigadores explican que este proxecto naceu en 2010 cando, traballando noutros estudos, detectaron algunhas especies de gasterópodos que non eran habituais en Galicia. En 2011 puxeron en marcha unha investigación específica que comprendeu mostraxes dende o sur de Portugal ata a Mariña lucense “para ter unha idea xeral da distribución destas especies, que principalmente son caracois”. Grazas a este traballo de campo contan xa cunha visión global da distribución que permite identificar cambios na mesma, e así seleccionar seis especies nas que se detectaron cambios substanciais de distribución para estudalas en detalle: tres boreais de augas frías que estaban retrocedendo e tres tropicais que comezaban a aparecer en zonas onde non eran habituais.

Os científicos buscarán agora resolver se esta invasión de moluscos tropicais se debe aos efectos do cambio climático

Os datos obtidos na primeira fase do traballo constatan precisamente que as tres especies boreais son cada vez menos abundantes e están retrocedendo cara ao norte, ata desaparecer de zonas nas que décadas atrás eran comúns. Pola contra, as especies tropicais, que antes só se atopaban no sur de Portugal, agora están en moitos presentes en boa parte da cornisa cantábrica

Marcos Rubal explica que estes cambios son moi significativos porque “a Península Ibérica é unha fronteira, un espazo de cambio, o límite norte de moitas especies subtropicais e o límite sur das de augas frías boreais e por iso é aquí onde primeiro se notan os cambios”. A partir deste punto, aos investigadores quédalles por diante o reto de obter evidencias científicas que relacionen este fenómeno co cambio climático e destacan que “todo apunta a que é así, pero poden actuar moitos condicionantes que provocan estes cambios e debemos determinar en que medida actúa cada un”. 

Os investigadores galegos que detectaron un aumento da presenza de moluscos tropicais na costa atlántica
Os investigadores galegos que detectaron un aumento da presenza de moluscos tropicais na costa atlántica | Fonte: DUVI.

Os investigadores están nunha etapa inicial do estudo, que se desenvolve en paralelo aos proxectos de investigación dos seus grupos, pero xa teñen publicados varios artigos científicos avanzando algúns dos resultados en revistas como Journal of Sea Research ou Journal of Experimental Marine Biology and Ecology. Un dos principais inconvenientes cos que se atoparon é a sorprendente falta de información biolóxica sobre especies tan comúns e coñecidas como os caramuxos ou as lapras. “Existen estudos das especies noutros lugares, como Reino Unido ou Holanda, pero non en Galicia e, dado que as condicións aquí son diferentes, é preciso un coñecemento adaptado á contorna, que sen embargo non existe”, explican. Por iso, o seu traballo avanza paralelamente neste sentido, para ampliar o coñecemento da bioloxía básica destas especies.

DE RIBADEO A SAGRES

O último traballo de mostraxe que fixeron abrangueu de Ribadeo a Sagres, no sur de Portugal, o que comprende 170 praias. “En cada unha delas medimos a abundancia das seis especies, as tres tropicais e as tres boreais e vemos como as subtropicais, absolutamente todas incrementaron o seu rango de distribución”. De feito, detectaron que unha das tres especies tropicais que están a estudar (Siphonaria pectinata) en 1917 só aparecía no estreito de Xibraltar e o sur de Portugal e en 1940 xa estaba en Buarcos, á altura de Coimbra. Nas mostraxes recentes, explica Veiga, “xa a atopamos en Arteixo e en moi boas condicións, con diferentes tallas, con ovos e reproducíndose”.

As outras dúas especies tropicais coas que traballan teñen, á diferenza da anterior, un rango de distribución discontinuo, é dicir, que aparecían dende Xibraltar ata preto de Setúbal, pero tamén no País Vasco e Cantabria. Na actualidade a Phorcus sauciatus xa ten colonizado toda a costa, agás un tramo entre Porto e Peniche, mentres que a terceira delas, se ben non aumentou a súa presenza no sur, no norte da Península estendeuse con forza, chegando do País Vasco a Ferrol.

Comprobaron que especies propias de augas frías xa non amosan poboacións estables e mesmo algunhas desapareceron totalmente das zonas que habitaban

As especies de gasterópodos de augas frías, pola contra, retroceden. Nestes traballos os investigadores centráronse en tres: Littorina saxatilis, Littorina littorea (caramuxo) e a Nucella lapillus. Estas tres especies, destacan os investigadores, “teñen o seu límite de distribución no sur da Península Ibérica pero non atopamos poboacións estables, por exemplo de Nucella, ata Lisboa”. O caso da Littorina saxatilis é semellante, xa que na zona de Lisboa tan só está presente nunha praia, mentres que a Littorina littorea ata Óbidos desapareceu totalmente. 

Os equipo de investigadores traballa agora con experimentos concretos que lles permitan determinar que condicións provocan estes cambios, como a temperatura da auga, a salinidade, etc. Semella que todo apunta ao cambio climático e destacan as evidencias científicas de que auga se quentou, “pero o cambio global é moito máis ca temperatura, tamén inflúe acidificación do océanos, os cambios nas correntes, a exposición á ondaxe, etc.”

Os científicos tamén subliñan as consecuencias que poden provocar nos ecosistemas estes cambios nos patróns poboacionais, outro cambio que tamén están a estudar. Poñen como exemplo o caso da Stramonita haemastoma, unha especie subtropical semellante a unha Nucella pero 20 veces máis grande, que polo tanto é quen de comer 20 veces máis mexillóns e alterar o ecosistema. “Podería ter un efecto bastante radical se se establece aquí, tanto porque pode acabar con recursos como porque desprazaría as especias propias”, lembran.

Tamén fan fincapé nas pequenas poboacións illadas de determinadas especies que resisten no sur grazas a un microhábitat. “No caso dunha inversión climática futura, poderían ser as encargadas de recolonizar os hábitats que antes eras seus”, sempre que sexan ricas xeneticamente e poidan resistir e volver colonizar. Pola contra, de seren pobres xeneticamente, calquera outra perturbación, como un vertido, podería facelas desaparecer, conclúen na información recollida por M. del Río no DUVI.

Siphonaria pectinata, unha das especies tropicais atopadas na costa atlántica
Siphonaria pectinata, unha das especies tropicais atopadas na costa atlántica | Fonte: DUVI.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 semoncho

Nom é que haja mudanças climáticas, o que se passa é que os moluscos tropicais também querem entrar na UE.

1 J.L. Ferreiro do pazo

Xa digo que acabara habendo vbieiras expañolas... autenticos moloscos cefalopodeiros que cos rabos agarran e oprimen e comen salvaxemente con autentica fame canibalescas os mexilons galegos.