As doazóns de sangue aumentan en Galicia en 2024 e estes son os concellos que máis achegas realizaron

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), adscrita á Consellería de Sanidade, fixo fincapé en "atraer" aos mozos a que doen máis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 14/05/2025 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Os galegos realizaron un total de 105.378 de doazóns de sangue e aférese en 2024, case 2.000 máis que o ano anterior, o que supón un crecemento do 2 %. Con todo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), adscrita á Consellería de Sanidade, fixo fincapé en "atraer" aos mozos a que doen máis. Do total autonómico de doazóns, 99.840 foron de sangue e 5.538 de aférese, técnica que consiste en separar compoñentes específicos, como plaquetas ou glóbulos vermellos. En conxunto, 73.421 persoas fixeron unha doazón, das cales unha décima parte (8.931) fixérono por primeira vez, en base aos datos presentados por Sanidade este mércores nunha rolda de prensa.

Á vez que aumentou o número global de doazóns, tamén creceu a proporción das mesmas en relación á poboación. Esta taxa pasou de situarse dun 38,4 por cada 1.000 habitantes en 2023 a un 39 en 2024. Con todo, é máis baixa que a dos anos 2021 e 2022, cando se situou en 39,4 e 39,5, respectivamente. "A actividade de doazón de sangue do ano pasado confirma a xenerosidade e a implicación da nosa sociedade", expresou o conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño.

Seguindo igualmente polos datos das taxas de doazóns, A Coruña está á cabeza, con 43 doazóns por cada 1.000 habitantes --una máis que en 2023-- e un total de 47.962. Con todo, é na provincia na que menos creceron. Pontevedra segue á Coruña, con 42 doazóns por cada 1.000 persoas. Por outra banda, Ourense e Lugo sitúanse por baixo da media autonómica --con taxas de 31 e 25, respectivamente--, pero aumentan nun número o seu resultado proporcional do ano anterior. Tanto a presidenta de ADOS, Marisa López, como o titular de Sanidade subliñaron que Galicia estivo, entre 2020 e 2023 tres puntos por enriba da media da taxa estatal. Con todo, a actualización deste dato coñecerase o 14 de xuño, o Día Mundial de Doazón de Sangue.

"ATRAER" AOS MOZOS

Os grupos de idade de 18 a 22 anos e de 23 a 32 anos son os que menos presenza tiveron na campaña de 2024, xa que representan un 11 % e 14 %, respectivamente, dos doantes. Por iso, López realizou "un especial fincapé en atraer á poboación máis nova". Pola súa banda, o titular de Sanidade destacou o "compromiso" das novas xeracións en relación ao aumento de novos doantes na campaña universitaria. "Este efecto permite asegurar unha substitución fundamental para cubrir as necesidades diarias de sangue", expresou. De feito, a presidenta de ADOS asegurou que as accións realizadas no campus de Santiago tiveron un "peso moi importante" en que Compostela sexa a cidade na que máis doazóns se realizaron.

DOAZÓNS "PROPORCIONAIS" AOS GRUPOS SANGUÍNEOS

No que se refire ao perfil de doante, os grupos son "proporcionais" ás doazóns, indicou López. Nesta liña, son o grupo A+ (38 %) e O+ (36 %) os que tiveron unha maior presenza durante a campaña anual, que son os que ao mesmo tempo teñen unha "maior tensión" pola necesidade existente. A presidenta de ADOS realizou unha "referencia especial" ao O-, que, "aínda que teña unha prevalencia do 7 %, ten un punto máis no que se refire a doazón". Respecto dos momentos de reservas baixas, non foron "maiores" en relación a anos anteriores. Entre estes, verán tende a ser un "momento complicado" e tamén Nadal.

DATOS POR CONCELLOS

Nas cidades concentráronse 45.986 doazóns con Vigo á cabeza en número (12.257) e Santiago liderando nas taxas, con 85 por cada 1.000 habitantes. Fóra da Galicia Urbana, ADOS destacou as cifras dos concellos con mellor proporción en cada provincia: Meira, "un clásico", con 79 doazóns por cada 1.000 habitantes; Padrón despraza con 87 a Melide; Trives substitúe con 64 a Xinzo de Limia, e O Rosal substitúe con 69 a Salceda de Caselas. En Galicia, hai sete locais de doazón, localizados nos hospitais, e 10 unidades móbiles, nas que se concentraron a maior parte das doazóns.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta de ADOS, Marisa López, durante a presentación dos datos da campaña de doazón de sangue de 2024, a 14 de maio de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta de ADOS, Marisa López, durante a presentación dos datos da campaña de doazón de sangue de 2024, a 14 de maio de 2025 | Fonte: ANA VARELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta