O 'street basket' galego cítase en Lugo

Punto vermello no calendario baloncestístico: 11 e 12 de xuño na cancha urbana máis famosa e mítica do noroeste ibérico. Volve a tradición lucense dos torneos de rúa que namoraran a propios e alleos nos anos 90.

Por gcdeportes | Lugo | 16/05/2016 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

É de sobra sabido que en Lugo o baloncesto é relixión e lenda. Señoras que resolven partidos do Breogán cos seus polgares, películas de Federico Luppi no vello Municipal e nas costas do Parque, pais e fillos vestindo a mesma camiseta de cor celeste, un apartado nos DNI lucenses para saber se es de Maristas, do Sagrado, de Triscos ou de Estudiantes (por dicir algúns)... así enténdese a vida na cidade das murallas.

Lugo prepara xa un torneo 4x4 para a pista vermella.
Lugo prepara xa un torneo 4x4 para a pista vermella.

Tamén é de sobra sabido que se ben o Breogán é o deus que nos guía, o baloncesto lucense é moito máis que o amado clube que nos une e nos identifica polo mundo adiante. O baloncesto de rúa é seguramente un dos principais elementos, e nos anos 90 viviu un capítulo moi especial e que ninguén esquece. Os 3x3 deporte na rúa eran torneos de dimensións espectaculares e que nunca máis se repetiron na cidade salvo nos moi primeiros anos do século XXI. Para que os máis novos se fagan unha idea: había canastras cada 10 metros dende Ramón Ferreiro ata as Costas do Parque! Impresionante.

De todo aquilo quedaron só algúns redutos de resistencia, iso si, cunha enorme concentración popular. Remataron os 3x3, pecharon ó público o patio dos institutos, borraron do mapa a xenial cancha do Campo Castelo... e das grandes só quedou a Pista Vermella. A trincheira dos amateurs, que como ben di a palabra somos os que máis amamos o deporte. 

Nesta última década e media esta pista que xa era mítica, elevou o seu status a templo do basket ó aire libre. Lugar de encontro, de integración, de socialización e de amor ó deporte. Vaise xogar, vaise falar, vaise facer amigos e sobre todo a osixenar corpo e mente. Por ela pasaron míticos xogadores como Jorge Racca, sobre ela escribiron outros como Álex Llorca, e nela curtíronse titáns do pasado e presente do baloncesto lucense (Esteban Gómez, Devin Wright, Adrián Chapela, os irmáns Quintela...). É un símbolo de identidade de todos e para todos.

Agora, varios dos gardiáns das chaves da pista, liderados por Adrián López González, preparan este evento que se augura histórico. Unha primeira pedra para recuperar o tempo perdido dende os 90? 4x4, concursos de mates e triplos, espectáculos de baile, camisetas, bebidas, premios e moito ambiente... xa queda menos para o gran torneo no que vai de século XXI!

Lembrade: 11 e 12 de xuño, na rúa Cornubia de Lugo (para os que veñades de fóra...) Chamade ó 660 30 56 30 ou ben escribide a pistarojalugo@gmail.com Máis información tamén na páxina de facebook Pista Roja Lugo!

-----------------------------------------

Artigo de Guido Álvarez Parga (@guidoalvarezp)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Diego Gayoso Rubal

Que pena que coincida co Torneo de Fútbol Sala O Pasatempo de Mondoñedo...