Fillas de Casandra: "Debería estar de moda de novo comunicar as cousas cantando"

"Somos porque foron e unha cousa flipante que deberiamos divulgar unha chea é que moitas das informantes non sabían nin ler nin escribir e facían auténticas poesías", di De Ninghures.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2025 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

Cantareiras de onte e cantareiras de hoxe. O Día das Letras Galegas pon enriba da mesa un debate entre a transformación da música do pasado e a súa proxección no presente e no furturo. O diálogo entre o pasado e o presente xera espazos de creación nos que a figura da cantareira transfórmase. É o caso de Fillas de Cassandra, un dúo composto por María Soa e Sara Faro, e que actualmente se atopa de celebración tras a publicación do seu novo EP 'Hibernarse', un proxecto que abre un novo espazo de experimentación con respecto a 'Acrópole' e reclama un "pouco de pausa nun momento no que a industria vai a fume de carozo".

Integrantes do grupo De Ninghures
Integrantes do grupo De Ninghures | Fonte: De Ninghures

Influenciadas por voces femininas como a informante Severina Murias, as viguesas proclaman que "debería estar de moda de novo comunicar as cousas cantando" a través da creación de espazos de transmisión oral, como son as prazas dos pobos e as comidas familiares.

En canto á súa formación, Faro narra que desde moi pequena tomou clases de pandeireta e aprendeu a cantar imitando ás señoras do seu barrio, mentres que Soa conta que aprendeu principalmente grazas ás súas avoas. Ambas aseguran que é unha "alegría absoluta" ver as primeiras filas dos seus concertos cheas de nenos e destacaron a gran cantidade de pandeiretas que asinan entre o público que acode aos seus concertos.

"MÚSICA QUE ENGANCHA"

Lonxe de buscar unha reprodución fiel do pasado, proxectos como o de Fillas de Cassandra apostan por unha linguaxe propio pero sen esquecer a raíz. É o caso tamén de De Ninghures, unha banda conformada por sete novos de distintas localidades galegas e que naceu na foliada da Fonsagrada e foi collendo ritmo na de Melide.

Consultados polo seu proceso creativo, Hadrián García --clarinete e baile-- explica que mesturan as recollidas con Spotify e novas plataformas, ademais, incide en que as informantes ocupan "un lugar primordial". Sobre a súa relación coa tradición, Marta Álvarez --percusión e voz-- asegura que esta "ten un compoñente que engancha", sobre todo a galega, "polo apego emocional e o orgullo de que a sentes túa".

Aínda que a ambos gústalles pensar que contribúen a visibilizar unha nova forma de entender a tradición, tamén fan fincapé en que se non fóra polas cantareiras, "sería imposible chegar ao momento actual". "Somos porque foron e unha cousa flipante que deberiamos divulgar unha chea é que moitas das informantes non sabían nin ler nin escribir e facían auténticas poesías", defende García.

Sobre a homenaxe ás cantareiras no Día das Letras Galegas, ambos coinciden en que "merecían un ano cada unha" e subliñan que "oxalá sexa un impulso para que sigan estando presentes e non sexa algo anecdótico", xa que, segundo lamentan, "falta divulgación".

Fillas de Casandra
Fillas de Casandra | Fonte: remitido
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Martin

Nunca estivo “de moda” comunicar as cousas cantando.