O Pergamiño Vindel volverá a Vigo logo de 40 anos no Morgan Library Museum de Nova York

A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, contén sete cantigas de amigo de Martín Códax e será exposta no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/05/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Despois de corenta anos no Morgan Library Museum de Nova York o Pergamiño Vindel regresará a Vigo. A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, volverá á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador galego, despois que o museo propietario do pergamiño atendese a petición da Universidade de Vigo para permitir a súa exhibición na cidade.

O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax
O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax | Fonte: DUVI.

Atrás queda máis dun ano de negociacións entre os responsables do Morgan Library Museum e a institución académica viguesa, representada nesta conversas pola catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, a quen os integrantes da asociación cultural viguesa Pertenza trasladaron, tras unha viaxe a Nova York para visitar a obra de Martín Códax, o seu desexo de que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica. Noia expuxo esta posibilidade ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que iniciou as negociacións co Morgan Library Museum para acadar algo que ata entón nunca ocorrera, a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970

Xunto ao Códice Calixtino, está considerada como unha das xoias antigas manuscritas máis valiosas de Galicia

O proceso de negociación prolongouse durante meses nos que a institución académica tivo que atender as demandas do Morgan para permitir o préstamo da que, xunto ao Códice Calixtino, está considerada como unha das xoias antigas manuscritas máis valiosas de Galicia. O museo propietario do pergamiño estableceu como primeira condición para permitir a exhibición da obra fóra das súas instalacións que o préstamo se realizase a unha institución académica e a partir de aí estableceu unha serie de esixencias loxísticas sobre o lugar de exposición do cancioneiro, relativas tanto a medidas de seguridade, como de contextualización da mostra.

Co apoio do Concello de Vigo, a Universidade propuxo como lugar de exhibición o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, no que se organizaría unha exposición coa obra de Martín Códax como núcleo central. Así naceu 'Os Tesouros de Cidade', a mostra que do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 traerá a Vigo o Pergamiño Vindel, que será o gran protagonista dunha mostra que se complementará con diversos eventos culturais e académicos, como seminarios, concertos e publicacións.

A East Room da biblioteca do Morgan Library and Museum
A East Room da biblioteca do Morgan Library and Museum | Fonte: Morgan Library and Museum.

O documento foi atopado en 1914 polo comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel, e tras unha particular odisea, rematou en Nova York en 1977 

DESCUBRIMENTO FROITO DO AZAR

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada de soubo da obra de Martín Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro 'De officiis' de Cicerón. O descubridor pronto deu conta do achado nun artigo titulado 'Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Códax', publicado na revista Arte Español. 

O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

SETE CANCIÓNS DE AMIGO

A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda, seis a terceira e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo; Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad’e Vigo, carece dela.

Xunto coas sete cantigas de amor de Don Denís, a música das cantigas de Martín Códax son as únicas mostras atopadas da canción profana galego-portuguesa. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.

O texto, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul, informa Mª del Carmen Echevarría no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 leike

Excelente noticia para un país que precisa urxentemente ideas e traballo en positivo de voces plurais. Parabéns a Pertenza, a Camiño Noia e á Universidade de VIgo. É seguro que se todo o mundo camiña na boa direcciónb e en sintonía teremos un acontecemento de primeira magnitude e de dimensión internacional.