Xosé Ballesteros, novo director da Asociación Galega de Editores

Henrique Alvarellos será o vicepresidente, Belén López a secretaria, María Xesús Gómez como tesoureira e como vogais Laura Rodríguez, Fran Alonso, Xulio Amigo e Tomás González. O obxectivo da asociación; que o libro galego incremente a cota de mercado.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/05/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, foi nomeado novo director da Asociación Galega de Editores (AGE), que renovou a súa xunta directiva, un cargo no que releva a Laura Rodríguez, de Hércules Editores.

Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editores
Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editores | Fonte: elcultural.com

Segundo explicou a entidade nun comunicado, a renovación produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Santiago e convocada con esta finalidade. A lista encabezada por Besteiros foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade.

Xunto con Xosé Ballesteros, a actual dirección de AGE complétase de Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) como vicepresidente, Belén López (Baía Edicións) como secretaria, María Xesús Gómez (Rodeira) como tesoureira; e como vogais Laura Rodríguez (Hércules Edicións), Fran Alonso (Edicións Xerais), Xulio Amigo (Editorial Galaxia) e Tomás González (Urco Editora).

O principal obxectivo do novo equipo será poñer en valor o papel das editoriais dentro do sector do libro galego, pola importancia que este ten na preservación do patrimonio cultural galego.

Outros retos que debe afrontar teñen que ver coa necesidade de que o libro galego incremente a súa cota de mercado, que actualmente solo alcanza o 17 por cento do conxunto de vendas de libros en Galicia.

O grupo presidido por Xosé Ballesteros aspira a abrir canles de interlocución con todos os colectivos que teñan que ver co libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación coas administracións públicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta