Un Lugo pouco ambicioso

Un equipo lucense sen concentración cae 1-0 co Numancia e di adeus as súas opcións de meterse no play-off de ascenso. O meta Roberto Fernández foi o mellor dos de Xosé Durán. O domingo, o Nástic para pechar o curso no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 25/05/2016 | Actualizada ás 23:50

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CD Numancia 1:
Munir; Unai Medina (Regalón, 22’), Orfila, Juanma, Ripa; Antonio Martínez (Pablo Valcarce, 39’), Gaztañaga, Iñigo Pérez; Mateu, Dani Aquino (Álex Alegría, 72’) e Vicente.
CD Lugo 0: Roberto Fernández; Álvaro Lemos, Israel Puerto, Carlos Hernández, Fernando Vega; Seoane, Carlos Pita, Campillo (Sergio Marcos, 49); Igor Martínez (Abel Molinero, 84), Jonathan Pereira e Joselu.
Gol: 1-0: Pablo Valcarce (minuto 43).
Árbitro: Sagüés Oscoz (colexio vasco). Amarelas a Carlos Hernández (20’) e Fernando Vega (78’) nos lucenses.
Incidencias: partido da 40ª xornada de Segunda División no estadio Los Pajaritos ante apenas 2.000 espectadores. David De Coz, que ía ser titular, lesionouse no quentamento.

Pablo Valcarce, autor do único gol do partido.
Pablo Valcarce, autor do único gol do partido. | Fonte: lfp.es

Roberto Fernández, o mellor dos lucenses, berraba aos seus compañeiros esixíndolles máis intensidade e concentración en defensa. O Lugo só tirou unha vez entre os tres paus e o Numancia puido marcar máis goles. Chegoulle co solitario tanto de Pablo Valcarce pouco antes do descanso. A mellor ocasión lucense foi un rexeite de Mateu cara a súa propia portaría no minuto 89. Coa derrota en Soria, o Lugo di adeus as súas opcións de loitar polo play-off de ascenso. Buscará o domingo despedir a campaña no Anxo Carro cunha vitoria fronte ao Nástic de Tarragona, que lle daría o record de puntuación en Segunda.

O Lugo tiña aínda algunha posibilidade de meterse entre os seis primeiros, pero o Numancia xogou con máis intensidade e determinación, malia que os lucenses tiveron a primeira ocasión de perigo, pero o centro atrás de Jonathan Pereira non atopou rematador. O Numancia foise pouco a pouco impoñendo, e Roberto converteuse en protagonista, con cinco paradas no primeiro tempo. A mellor foi cun xeonllo nun man a man con Vicente. O gol chegou no minuto 43, tras un disparo de Pablo Valcarce que petou en Carlos Pita e acabou no fondo da rede.

Foi máis aberta a segunda parte, por momentos un partido de ida e volta. Sergio Marcos entrou por un desaparecido Campillo, pero estiveron os locais máis preto de marcar o segundo que o Lugo de empatar. O Numancia puido sentenciar en dúas ocasións seguidas de Aquino e Vicente (minutos 51 e 52). A réplica chegou nun remate coa testa de Igor Martínez e un disparo cruzado de Jonathan Pereira. Roberto evitou o tanto de Íñigo Pérez e Aquino rematou coa testa á trabe da portaría lucense. A piques de cumprirse o minuto 70, o primeiro disparo entre paus do Lugo, obra de Joselu. Roberto evitou de novo o gol de Mateu, e Íñigo Pérez e Aquino tiveron de novo ocasións. A mellor ocasión lucense chegou a piques de cumprirse o minuto 90, nun despexe de Mateu cara a súa propia portaría que saiu preto do pau dereito de Roberto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta