Temas: PARO PIB XUNTA

A Xunta saca peito ante enquisas propias que falan de crecemento económico

Unha enquisa do Instituto Galego de Estatística apunta que a economía galega crece un 0,7% no primeiro trimestre e que os postos de traballo creceron un 2,3% con respecto ao pasado ano.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/05/2016 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A economía galega creceu un 0,7% no primeiro trimestre do ano en relación co trimestre anterior, unha décima menos que o incremento rexistrado polo conxunto estatal.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta | Fonte: Xunta

De acordo coas contas económicas trimestrais que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE), o aumento do produto interior bruto (PIB) de Galicia foi do 2,8% en termos anuais --en comparación co primeiro trimestre de 2015--.

Uns datos que xa lle serviron á Xunta para sacar peito nun momento de precampaña electoral. Así, nun comunicado de prensa, a Consellería de Facenda destaca que a economía galega "mantén a súa recuperación, con taxas de crecemento trimestral similares ás do segundo semestre de 2015".

No cuarto trimestre do pasado ano, o PIB galego subira trimestralmente unha décima máis (+0,8%), pero o crecemento interanual foi inferior (+2,6%).

Con todo, o gasto en consumo final repuntou un 2,2% en relación co primeiro trimestre do exercicio anterior, ao subir un 2,3% o dos fogares e institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares e un 1,8% o das administracións públicas.

Mentres, a formación bruta de capital ascendeu un 3,9% anual, a demanda interna rexistrou un incremento do 2,5% e as exportacións e as importacións creceron un 5% e un 4,3%, respectivamente.

En canto á oferta, tamén medida en termos interanuais, a industria experimentou un ascenso do 5,3% --maior, do 6,7%, no caso da industria manufacturera--, a construción subiu un 3,2%, os servizos un 2,4%, e a agricultura, silvicultura, gandaría e pesca, un 0,8%. Pola súa banda, os impostos netos sobre os produtos repuntaron un 2,1%.

Desta forma, a estrutura do PIB galego é a seguinte: un 4,4% para a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, un 16,8% para a industria, un 6,5% para a construción, un 62,2% para os servizos e un 10% para os impostos netos sobre os produtos.

Máis emprego, segundo o IGE

En canto ao emprego, o número de postos en termos de PIB creceu en Galicia un 2,3% sobre o mesmo trimestre do ano anterior, e isto supón que no último ano os traballos a tempo completo subiron en máis de 22.000. Unhas cifras que difiren da EPA.

As cifras do IGE recollen un aumento do 4,1% na agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, do 3% na industria e do 2,2% nas ramas dos servizos.

Ao lado contrario, reflicten un descenso do 0,7% en canto aos postos de traballo na construción no primeiro trimestre, e mantéñense sen variación nos servizos non de mercado.

Temas: PARO PIB XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta