Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2025 | Actualizada ás 18:13
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volveu rexeitar a OPA lanzada polo BBVA para adquirir o Banco Sabadell e esixiu ao Goberno central que "desautorice" esta operación xa que, segundo denunciou, "implica unha maior concentración bancaria, destrúe emprego e precariza aínda máis os servizos financeiros, especialmente en Galicia". Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu de que a fusión "implicará unha nova destrución de emprego no sector financeiro e da banca que, aínda moi recentemente, acaba de soportar unha dura reconversión".
Así, Rego aproveitou para lembrar que o sector bancario, "lonxe de mellorar a súa relación coa cidadanía, mantén prácticas abusivas", entre as que se referiu á subida dos tipos de interese, "que non se traduce en melloras para o aforro nin para o financiamento de empresas e familias". "O sector bancario español presenta xa características de oligopolio, e esta operación só viría profundar na súa concentración, facilitando ademais a destrución de postos de traballo e a eliminación de oficinas, especialmente no ámbito rural", incidiu o deputado nacionalista.
O BNG denunciou nunha nota de prensa que a fusión responde unicamente aos intereses dos grandes fondos de investimento internacionais, como BlackRock ou Vanguard, que xa controlan participacións maioritarias en ambas as entidades. Así mesmo, a formación nacionalista sinalou o "grave impacto" que esta operación tería en Galicia, "onde a concentración bancaria xa é das máis altas do Estado e onde, de aprobarse a OPA, 90 % do mercado quedaría en mans de apenas cinco entidades".
Por todo iso, o BNG rexistrou unha batería de preguntas nas Cortes do Estado para coñecer a posición do Goberno sobre esta operación. Entre outras cuestións, o Bloque pregunta polo número de alegacións recibidas na consulta pública aberta polo Ministerio de Economía, polas medidas para protexer o emprego e os servizos bancarios, e pola posibilidade de facilitar saídas pactadas como prexubilacións no canto de ERES.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.