Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2025 | Actualizada ás 15:26
A Xunta, a través da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), adxudicou por case 120.000 euros a contratación dun estudo sobre o uso, a escala real, de mesturas de áridos das escorias resultantes do proceso de valorización enerxética de residuos non reciclables, así como de áridos naturais para a súa posterior aplicación como capas de saburra en firmes de estradas.
O contrato, cun prazo de execución de dous anos, a empresa busca validar a idoneidade desta mestura e avanzar así na consecución da condición de fin de residuo para este tipo de material, dando lugar a un produto con posteriores aplicacións no ámbito da obra civil. Os traballos contemplan a caracterización dos áridos e a separación de elementos impropios nunha planta de valorización externa. A mestura obtida (áridos de escoria e naturais) será madurada nas instalacións do Complexo Ambiental de Sogama, en Cerceda, durante tres meses.
Con iso, a compañía busca dar unha segunda vida aos áridos das escorias, especialmente en sectores cun gran consumo enerxético e de recursos naturais, contribuíndo a limitar deste xeito a extracción dos mesmos. O contrato terá unha duración de dous anos e prevé unha posible prórroga por outro máis para finalizar os traballos que se demoren por causas alleas ao adxudicatario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.