BNG e PSdeG acusan a Rueda de "encubrir" a Alfonso Villares e critican que filtrara o nome de Paloma Lago

Piden a súa comparecencia na Cámara galega para dar explicacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2025 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Nacionalistas e socialistas seguen sen entender porque o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tardou varios meses en pedir o cesamento do seu ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tras saber, desde febreiro, que fora denunciado por agresión sexual. 

Alfonso Villares. XUNTA
Alfonso Villares. XUNTA

Así, aportavoz nacional do BNG, Ana Pontón esixiu a comparecencia no Parlamento do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para “explicarlles ás mulleres deste País por que calou e encubriu un presunto agresor sexual durante meses”.  “Non contento co seu silencio cómplice, Rueda e o seu goberno pechou filas co presunto agresor, ao que despediron con todos os honores,  entre abrazos e aplausos, mentres ignoraban e desprezaban a vítima, cuestionando a veracidade da súa denuncia”, criticou.

Pontón manifestou na súa intervención ante os medios, durante o Consello Nacional,a súa solidariedade, respecto e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero que non calan diante dunha agresión machista, moi especialmente á muller que denunciou o xa ex conselleiro, a ex presentadora Paloma Lago. “Sabemos que non é fácil, e menos cando a quen se denuncia é membro do Goberno e amigo persoal do Presidente”, indicou.

Neste sentido, o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, sinalou ao PPdeG como "responsable da filtración" do nome de Lago por parte do que ata o mércores foi conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tras dimitir ao estar investigado. "Despois de cinco meses, o nome da denunciante cóntase aos medios apenas 15 minutos despois de que o conselleiro anunciase a súa dimisión. É un intento do PP, ao que sinalamos directamente como responsable da filtración do nome da victima, de que se poña o foco na persoa que denuncia", sinalou Xullo Torrado este sábado en rolda de prensa.

Neste sentido, os socialistas galegos alertaron de que este feito "pode ser mesmo" constitutivo de delito e é de "indignidade e de inmoralidade" pór o foco na denunciante. "Calquera persoa pode ler e informarse máis sobre a persoa denunciante que sobre a denunciada", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta