Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/08/2016 | Actualizada ás 14:10
550.000 euros. Ese é o montante total que a Xunta destinará a dúas campañas de publicidade institucional e que están sendo resoltas en pleno verán, a pouco máis dun mes dos comicios autonómicos. Unhas cantidades que, sumadas as repartidas ou previstas de repartición no que vai de ano, suman 9 millóns de euros.
Así, a Axencia para a Modernización TEcnolóxica de Galicia (AMTEGA) está a piques de resolver o concurso para o desenvolvemento dunha campaña para a difusión das iniciativas da “Axenda Dixital de Galicia 2020”, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. En total serán 150.000 euros os que se repartirán entre os grandes medios para publicitar este plan.
O obxectivo da campaña será o de informar sobre os servizos dixitais e os recursos formativos dispoñibles para fomentar o seu uso e o seu target obxectivo será a poboación galega entre 25 e 65 anos.
Este diñeiro súmanse aos 401.000 euros doutra nova campaña da Axencia de Turismo, para unha “campaña de promoción dos recursos naturais e culturais”, tamén en proceso de resolución a un mes dos comicios.
A finais do pasado mes, o Goberno galego tamén destinou 200.000 euros nun "servizo de inserción publicitaria para unha acción divulgativa denominada Campaña de sensibilización sobre a necesidade do pago de impostos para o mantemento do Estado do Benestar na Comunidade Autónoma de Galicia” da Axencia Tributaria Galega.
Tamén a principios deste mes, a Secretaría Xeral de medios destinaba 250.107 euros para un acordo marco titulado “Servizo de difusión de actuacións públicas especificas da Xunta de Galicia en xornais impresos para o ano 2016”. A través deste instrumento, a Xunta comezou xa a contratar pequenas cantidades a nivel comarcal.
En total dende principios de ano, o Goberno Galego leva repartido, segundo o cómputo de GC, polo menos 9 millóns de euros en accións de propaganda en determinados medios de comunicación. Un diñeiro que se reparte, principalmente, entre os gramdes medios galegos nun ano doblemente electoral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.