Por Galicia Confidencial | CERCEDA | 12/06/2025 | Actualizada ás 13:00
O colectivo "O Son do Campiño" celebrará este sábado a I edición do encontro independente que ten o mesmo nome. O festival contará coa presenza de "todas as bandas afincadas no Concello de Cerceda, cunha longa historia de nomes e actividades musicais realizadas ao longo de 35 anos, desde o nacemento". Este evento, destacan, é de "acceso libre", e todo aquel que o desexe poderá levar a súa propia comida ou mercala no pobo.
Cun lema baseado "no compromiso lingüístico, político e cultural co noso país", este colectivo presenta a primeira edición de "O Son do Campiño" baixo unhas premisas claras: a visibilización da creatividade local e a confraternidade; a contracultura e autoxestión, rachando coa moda capitalista actual de macrofestival; e a intención de denuncia, manifestando o seu rexeitamento á promoción con cartos públicos de festivais financiados polo fondo proisraelí KKR.
No convite animan a todas as bandas, artistas e colectivos próximos a acudir ao xantar popular, convidando "ao noso ensaio colectivo a quen lle apeza pasar unha tarde-noite de rebeldía, alegría, confraternidade e festa". Rematan facendo un chamamento "ás institucións e aos colectivos culturais a contribuír á dinamización e visibilización da arte alternativa, variada e de cercanía en todos os seus estilos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.