Dezasete anos de investigacións dan as claves das variacións do zooplancto na plataforma galega

Científicos do Instituto Español de Oceanografía conclúen que as condicións meteorolóxicas e climáticas controlan a abundancia e distribución das especies.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/06/2016 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) veñen de publicar un traballo na revista científica internacional Journal of Plankton Research no que analizan a dinámica estacional da abundancia e composición do zooplancto e a súa relación cos factores meteorolóxicos e climáticos na plataforma noroeste da Península Ibérica.

Traballo de investigación do Instituto Español de Oceanografía en augas galegas
Traballo de investigación do Instituto Español de Oceanografía en augas galegas | Fonte: IEO.

Para o estudo recolléronse mensualmente mostras de zooplancto desde 1995 ata 2011 en dous lugares situados dentro e fóra da ría de Vigo. A abundancia total de zooplancto variaba cada ano, con todo, apreciouse un ciclo con valores máximos entre finais de primavera e principios de outono.

A longo prazo, a serie temporal de abundancia total de zooplancto presentou tres períodos diferentes: De 1995 a 2001, que se caracterizou por unha baixa abundancia e estacionalidade de baixa amplitude cun aumento graduado cara a 2001; de 2001 a 2006, cunha alta abundancia e unha marcada estacionalidade; e de 2006 a 2010, cunha abundancia intermedia e a maior amplitude do ciclo estacional.

Os grupos taxonómicos máis comúns mostraron similares patróns estacionais a longo prazo e a análise de compoñentes principais revelou un cambio na dinámica do zooplancto desde o ano 2001 que afectou as medias anuais e á estacionalidade de todos os taxones.

Os cambios observados na dinámica do zooplancto estiveron de acordo coas tendencias sostidas para a intensidade do afloramento (en aumento), precipitación (decrecente) e as variacións na intensidade da corrente do Golfo entre 2000 e 2005.

Entre os resultados destaca a importancia da hidrodinámica, impulsada polas condicións meteorolóxicas e climáticas, no control da abundancia de zooplancto.

O IEO

O Instituto Español de Oceanografía (IEO), é un organismo público de investigación (OPI), dependente da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía y Competitividad, dedicado á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño. O IEO representa a España na maioría dos foros científicos e tecnolóxicos internacionais relacionados co mar e os seus recursos. Conta con nove centros oceanográficos costeiros, cinco plantas de experimentación de cultivos mariños, 12 estacións mareográficas, unha estación receptora de imaxes de satélites e unha frota composta por sete buques oceanográficos, entre os que destaca o Cornide de Saavedra, o Ramón Margalef e o Ángeles Alvariño.

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e, en particular, o Programa Operativo de I+D+i por e para o Servizo das Empresas (Fondo Tecnolóxico), participa na cofinanciación dos buques Ramón Margalef, Ángeles Alvariño e Francisco de Paula Navarro, así como no Vehículo de Observación Remota (ROV) Liropus 2000.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta