A Xunta habilita préstamos para as empresas afectadas polos aranceis de Trump

Rueda mostra a súa "preocupación" polo conflito bélico entre Israel e Irán e avaliaranse apoios a empresas de ser necesario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Xunta habilita unha nova liña de préstamos, que irán de 100.000 euros a un millón de euros, para empresas afectadas polos aranceis do 50% á Unión Europea anunciados polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, para a súa entrada en vigor o 9 de xullo. En rolda de prensa tras o Consello, o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou que esta medida complementa outras actuacións do Goberno galego nesta materia no marco dunha liña xeral de financiamento empresarial por parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), cun orzamento global de 50 millóns.

Pola súa banda, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, explicou que neste escenario de "incerteza" búscase outorgar ás empresas de "liquidez a longo prazo" e que poidan buscar unha "transición" cara a mercados alternativos. Terán un prazo de ata 12 anos e unha carencia de catro, o dobre do habitual. O Goberno galego estima que o volume de préstamos poderán alcanzar os 10 millóns durante 2025. Poderán verse beneficiadas compañías cun volume mínimo de vendas superiores a 100.000 euros a EE.UU. ou que superen o 10% das súas vendas neste mercado.

A través do programa Reacciona activarase un novo servizo de consultoría especializada en apertura de mercados, destinado a acompañar empresas na súa estratexia de diversificación. Paralelamente, xa está operativa unha oficina técnica de apoio, dependente da Oficina Económica de Galicia e en colaboración coa antena do Igape en Miami. Todo iso mentres as exportacións galegas a Estados Unidos se incrementaron ata os 162 millóns no primeiro trimestre, un 4,7% máis que no mesmo período de 2024.

GUERRA ENTRE ISRAEL E IRÁN

Cuestionado sobre o conflito bélico entre Israel e Irán, Alfonso Rueda mostra a súa "preocupación" por unha "escalada bélica nunha zona tan sensible", tanto desde o "punto de vista humano" como polas "repercusións económicas". Por iso, apunta que, "chegado o momento", a Xunta sopesará apoios a empresas afectadas por este conflito de ser necesario, tal e como fai cos aranceis de Trump. Iso si, espera que no Goberno central "alguén se estea ocupando deste tema" e tómense medidas.

Reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN
Reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta