COB, ata o último folgo

A oposición ao PP tumba no pleno a subvención municipal de 1,5 millóns para o aval da ACB e o club ourensán traballa contra o reloxo para atopar unha solución cada vez máis lonxana antes do día 15.

Por gcdeportes | Ourense | 04/06/2016 | Actualizada ás 08:31

Comparte esta noticia

“A única opción enriba da mesa é que o Concello poña ese 21% do aval, xunto co outro 21% da Deputación, ter esa cantidade pechada e que algunha entidade bancaria, Abanca xa nos transmitiu que nese formato a operación non era viable, lle interese e queira participar neste proxecto”, sostén Antonio Gavilanes, presidente do COB.

Concentración este xoves de seareiros cobistas para pedir unha solución para o COB.
Concentración este xoves de seareiros cobistas para pedir unha solución para o COB. | Fonte: @COBSAD

Como estaba previsto, entre queixas de directivos e seareiros no salón de plenos, os tres grupos da oposición no Concello de Ourense -Democracia Ourensana, PSdeG e Ourense en Común- votaron en contra da proposta do PP de conceder una subvención de 1,5 millóns ao Club Ourense Baloncesto para completar o aval de tres millóns e inscribirse na liga ACB.

Deste xeito, o soño ourensán de estar na máxima categoría do básquet semella lonxano. A directiva cobista traballa de novo contra o reloxo e segue con reunións para atopar unha solución que cada vez semella máis imposible antes do día 15. Unha das posibles vías sería celebrar un pleno extraordinario a vindeira semana para que o Concello aporte ese 21% do aval (600.000 euros) co apoio de PP e PSdeG; e que a Deputación conceda outros 600.000 euros ou incluso manteña os 1,5 millóns xa aprobados; e negociar nunha semana con Abanca ou con outra entidade o aval de tres millóns para acceder á ACB.

No pleno do Concello, o concelleiro de Deportes, Mario Guede, defendeu a subvención polo “impacto directo” que tería o ascenso na economía da cidade. Pola contra, o voceiro de DO, Gonzalo Pérez Jácome, amosouse contrario a que se dé diñeiro público a espectáculos deportivos e culpou ao alcalde Xesús Vázquez de non presionar a Abanca para que ceda. O socialista José Ángel Vázquez Barquero mantivo que a aportación deber ser en función da porcentaxe do Concello no accionariado (21%, 607.000 euros). O voceiro de Ourense en Común, Martiño Vázquez, apuntou que o Concello non é accionista maioritario e instou aos demás accionistas, como Coren ou Copasa, a que poñan cartos se queren que o club estea na ACB.

Nun comunicado, o líder do PP ourensán e presidente da Deputación, Manuel Baltar, criticou “a miopía política” de PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común por votar en contra e asegurou que debería darlles “vergoña” pronunciar a palabra Ourense, porque coa súa decisión “pisotean a ilusión da xente e impiden levar a cabo un proxecto que beneficia deportiva e económicamente á nosa provincia”. O líder popular, quen chamou “cutres da política” á oposición, criticou “a mediocridade e falta de altura política” e pediu “unidade” para un proxecto social e deportivo que leva o nome de Ourense “alá por onde vai”.

Cada vez máis resignado anda o presidente Antonio Gavilanes. “O optimismo é o último que debemos perder cando somos os principais implicados nesta guerra. Non imos baixar os brazos ata o día 15. Que dúbida cabe que todo isto son pedras no camiño que te van minguando”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta