Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2025 | Actualizada ás 22:00
-A pregunta é moi obvia mais necesaria, como se sente despois do fallo a favor da restitución das estatuas ao Concello de Santiago?
Pois dobremente contento, por unha parte debido aos desgustos que levamos en xulgados inferiores que produciron moito desánimo e chegaron a ser desalentadores. Por outra parte, o recurso de casación é tan extremadamente formalista e excepcional que cando o presentamos estabamos moi desanimados. Tiñamos a sensación de que nos ían dar a terceira na cabeza. Houbera unha pequena esperanza hai dous anos cando admitiran a trámite o recurso porque os recursos teñen que pasar por unha peneira moi complicada onde analizan todos os motivos que están moi taxados e son moi formais ademais de estrictos. Había outra cuestión, o problema de valoración da proba, este punto é sagrado para o Tribunal Supremo, mais os tribunais inferiores non fan valoración da proba senón que se centran en cuestións xurídicas. Porén, hai un “furado” dentro da lexislación que se chama 'valoración irrazoable' ou 'arbitraria' da proba. Isto significa que cando a valoración da proba realizada por tribunais inferiores resulta patentemente arbitraria ou irrazoable, o recurso é admitido a trámite e reanalizan a proba. Isto ocorre cada dez mil casos.
-Como se foi desenvolvendo en primeira instancia o preito sobre as pezas?
No noso caso co xulgado de primeira instancia xa houbera un desastre de sentenza, cunha conducta totalmente parcial desde o xulgado, xa se lle vían as intencións desde o primeiro momento, mesmo chegaran a denegarnos medios de proba e a conducta da xuíza durante o proceso non gardou nin apariencia nin parcialidade. Logo, en segunda instancia rectificaran un pouco os “desvaríos” porque recoñeceron que as estatuas eran bens de dominio públicos imprescriptibles, mais logo volveron con que non se demostrara que as estatuas mercadas polo Concello de Santiago en 1948 eran as mesmas en posesión da familia Franco. Aí cometeron varios erros, o primeiro está relacionado co expediente de 1948 onde indican que unha das estatuas está fracturada, iso non aparece no que foi en primeira instancia. Nós aportamos unha fotografía onde se ve a fractura descrita no ano referido: coincide a media altura da perna e en diagonal.
Recurso de casación é tan extremadamente formalista e excepcional que cando o presentamos estabamos moi desanimados
-Non se presentaron informes de expertos en arte para realizar exames ás estatuas e valorar se poderían corresponderse co estilo do Mestre Mateo?
Esa é outra, porque o informe do catedrático de Historia da Arte que levamos precisamente para peritar que eran as estatuas reclamadas, pois a este perito imputábanlle que non deixara claro cal era o documento polo cal o Concello de Santiago lle transmitira as estatuas a Franco, un requisito absurdo. Se o Concello lle entregou de maneira ilegal as pezas á familia Franco, como vai haber documento sobre esa entrega? O Supremo admitiu que isto non tiña fundamento. Por outra parte, alegaban algo tan absurdo que non se demostrara a posible existencia de máis estatuas, que non chegaramos a demostrar a existencia de unicamente nove esculturas. Durante o proceso puido demostrarse que na parte exterior do Pórtico da Gloria só se conservaban nove estatuas. Cando nós iniciamos o proceso de reivindicación a Xunta de Galicia iniciou un proceso de declaración de Ben de Interese Cultural das estatuas conservadas até hoxe, que son nove. A Consellería de Cultura, depois de presentarmos a demanda, inicia o expediente BIC das nove esculturas existentes e vainas relacionando coas súas correspondentes fotografías e co seu historial. Por exemplo, “Peza número 3: Isaac. Adquirida polo Concello en 1948, actualmente nunha colección privada da familia Franco”. Cando presentamos a demanda non puidemos aportar esta última acción pois aínda non se levara para adiante mais cando a familia Franco contesta, dous ou tres meses despois, aportan o expediente da Xunta. Entón aí é cando nós dicimos: como se pode discutir agora se hai máis ou menos estatuas cando a parte demandada presenta un documento oficial da Consellería de Cultura, onde recoñece que só se conservan nove? E entre esas nove, as estatuas que demandabamos eran inequívocas, porque eran os dous profetas, só había dous profetas en posición sedente cunha cartela diante e longas barbas. As outras que faltaban eran o rei Davide, a outra era unha estatua de pé e outra unha cabeza cortada. Non había discusión ningunha e aínda así non quixeron recoñecelo.
A conducta da xuíza durante o proceso non gardou nin apariencia nin parcialidade
-A pesar da documentación presentada que mesmo os prexudicaba.
Foi unha actitude irracional como di o Tribunal Supremo. Víase unha manobra dos demandados para prexudicar o Concello dicindo que non estaban identificadas. Isto é tan así que cando les a sentenza acabas caendo na conta da simpleza do problema, as estatuas reclamadas son as que ten a familia Franco. Desta maneira quedou desautorizada a valoración da proba realizada polos tribunais inferiores.
-Agora mesmo está o tema de Meirás ou a Casa Cornide, entón por que esa obsesión dos Franco con estas dúas pezas?
Ao pouco tempo de comezar nós vén Meirás e logo a Casa Cornide. Eu imaxino que, á parte do valor simbólico, a familia Franco diría para si: “a partir disto van vir máis accións e debemos defendernos”. Nós, antes de comezar a demanda enviamos un requirimento, daquela aínda vivía a filla de Franco o día que a ían emprazar, morreu. O que pediamos no requirimento é a devolución das estatuas para seren exhibidas no museo da Catedral, un documento sen valoración. Non nos contestaron, puxemos a demanda, a filla de Franco morre e os fillos comezaron a facer manobras. Cando chegamos a Madrid, os fillos de Carmen Franco incorporaron as estatuas a unha sociedade mercantil creada por eles e con iso atrasaron o xuízo. Todo isto en canto á valoración da proba porque se entramos en termos xurídicos a cuestión daba vergoña. Nós tiñamos unha escritura pública notarial da adquisición dun ben, cun expediente administración e informes periciais sobre valoración artística e económica das estatuas no 1948. Negaron todo iso alegando que, segundo a tradición oral da familia, as estatuas eran propiedade da familia Franco e que os seus avós mercáranllas a un famoso anticuario. Non se nomeaba o anticuario nin presentaron facturas nin dixeron onde se mercaran.
Víase unha manobra dos demandados para prexudicar o Concello
-Iso último que di deixa ver a creación dun argumento para defender o seu. Houbo máis argumentos parecidos?
O paso do tempo, un argumento que o Supremo decide obviar porque vai directamente á cuestión xurídica. Co “paso do tempo” argumentaban que se Franco morreu no 1975 e a reclamación do Concello non se fai até 2017, pois pasaron máis de trinta anos. Entón todo o sucedido coas estatuas prescribira, era unha prescripción adquisitiva, é dicir, a compra consolidouse co paso do tempo. En segunda instancia non llelo estimaron, nós alegamos que eran ben de patrimonio histórico nacional (todo aquel ben en xeral que supere os cen anos de creación) e que eses bens son prescriptibles e inalienables a favor dos particulares, só pode compralos o Estado. Así pois, acabamos desmontando o argumento do paso do tempo pois sendo imprescriptibles non podían ser adquiridos.
-Con esta sentenza pode abrirse a porta a resolucións iguais con respecto a outros casos abertos ou que se poidan abrir?
Hai que analizar caso por caso. Sobre a Casa Cornide non pode aplicar o mesmo argumento que aplicamos nós porque no noso caso eran bens mobles, no caso Cornide é un ben inmoble. No caso de Meirás estase pendente de recurso de casación por parte dos Franco mais están expectantes. Porén, si, estamos diante dun paso importante.
Co “paso do tempo” argumentaban que se Franco morreu no 1975 e a reclamación do Concello non se fai até 2017, pois pasaron máis de trinta anos
-Con todo, a recuperación das estatuas é unha demostración de que se lle vai perdendo medo aos restos do franquismo, non sei se o ve así.
Si, e ademais, no caso deste proceso, insisto, vin unha parcialidade manifesta a favor da familia Franco. Non se equivocaron por casualidade fixérono para a favorecer a alguén. Afortunadamente, o Supremo fixo o que tiña que facer e isto espero que sirva para levar adiante máis casos. Por outra parte, os Franco non creo que reaccionen contra a sentenza por ser moi clara, declárase propiedade do Concello e deben entregalas. Tampouco creo que atrasen a escapatoria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.