Habilitadas axudas da Xunta para afrontar os aranceis de Estados Unidos e pide ás empresas internacionalizarse

A Consellería de Economía e Industria sinalou nunha conferencia na Coruña cales serán as condicións dos préstamos que cualificou de "moi facilitadores"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2025 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A nova liña de axudas habilitada pola Xunta para empresas afectadas polos aranceis do 50% á Unión Europea anunciados polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, -- para a súa entrada en vigor o 9 de xullo -- publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro mércores, día 25.

"Son uns préstamos moi facilitadores para as empresas, con catro anos de carencia, 12 para a súa devolución e cunha bonificación de cinco puntos sobre o interese de mercado, é dicir, pode chegarse a un 0% de interese", expuxo sobre eles a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

Fíxoo durante a inauguración do Consello Interterritorial de Internacionalización que se celebra este venres no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).

No mesmo, debateranse, entre outros asuntos, a situación comercial con Estados Unidos e o Plan de Alto Impacto de Competitividade posto en marcha por España Exportación e Investimentos (ICEX) en colaboración coas comunidades autónomas, así como a posibilidade de traballar con mercados alternativos.

Neste sentido, Lorenzana fixo fincapé na importancia que ten para Galicia a internacionalización das súas empresas. "Estamos xa superando a marca que conseguimos o ano pasado", destacou para engadir que se está traballando nun novo plan tras finalizar o actual en 2025 con "uns resultados excelentes e sendo actualmente a quinta comunidade autónoma máis exportadora de toda España".

A preguntas dos medios sobre os sectores máis afectados polos aranceis estadounidenses, a conselleira, ademais do metal ou a automoción, fixo referencia aos viños galegos ou a área química. "Hai que traballar con cada empresa e con cada sector específico", asegurou para engadir que "probablemente en setembro" a Xunta lance o programa Reacciona coas empresas máis afectadas.

"O comercio que ten actualmente Galicia con Estados Unidos supón un 2,5% do total, o noso mercado fundamental é a Unión Europea", especificou e indicou que os datos "agora mesmo son bos, está a manterse o comercio, incluso superándose". No entanto, incidiu na necesidade de "estar moi vixiantes " e "manter a capacidade exportadora".

Terminal de colectores do Porto de Vigo
Terminal de colectores do Porto de Vigo | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta