Por Europa Press / Redacción | VIGO | 20/06/2025 | Actualizada ás 19:23
A Xunta abrirá este martes o prazo de solicitudes para as residencias xuvenís de Vigo, Ourense e Lugo, así o anunciou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita coa delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, ao centro Altamar, incluído nesta convocatoria.
En concreto, a convocatoria publicarase este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) e durante un mes poderán solicitar estes postos os mozos de entre 16 e 30 anos de idade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexan obrigados a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual. En total, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou que ofertará o próximo curso un total de 233 prazas, das que 92 son na residencia que visitou este venres a directora xeral.
O resto de prazas están divididas entre as 60 dispoñibles na residencia Florentino López Cuevillas de Ourense e as 81 do centro residencial xuvenil Lug da cidade de Lugo. Ademais, os centros contarán con prazas reservadas para persoas que sufran violencia de xénero, mozos cuxas proxenitoras a sufriron, para persoas con expediente de protección aberto ou para persoas con discapacidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.