Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/06/2025 | Actualizada ás 10:40
O informe sobre a calidade do aire de Ecoloxistas en Acción conclúe que 850.000 persoas estiveron expostas en Galicia durante 2024 a unha contaminación que excede os novos límites recentemente aprobados para 2030 pola Unión Europea. As áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual do dióxido de nitróxeno. Mais a maioría das cidades galegas non implantaron as obrigadas zonas de baixas emisións, e a aprobada na Coruña non é eficaz.
Se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, o aire contaminado volveu afectar en 2024 a totalidade da poboación galega. O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 61 estacións oficiais de medición instaladas en Galicia. As súas principais conclusións son as seguintes:
Durante 2024 a calidade do aire en Galicia mellorou con respecto a 2023 e os anos anteriores á COVID-19, cunha redución significativa dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2) e ozono troposférico, en porcentaxes que oscilan entre o 14 % e o 83 % con respecto ás medias do período 2012-2019.
O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os novos valores límite da Directiva europea 2024/2881, de 23 de outubro de 2024, que deberán atinxirse antes de 2030. Segundo eses limiares, o aire contaminado afectou en 2024 a unha terceira parte da poboación galega, o que expresa a magnitude do reto a asumir polas administracións nos próximos anos para aliñarse coa nova lexislación.
ÁREA DE VIGO, A CORUÑA E OURENSE, AS MÁIS AFECTADAS
Considerando a normativa aínda vixente, non houbo poboación que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por encima dos obsoletos límites legais actuais. Aínda que os niveis de partículas e/ou NO2 excederon os devanditos límites nas catro estacións dos portos de Marín e Vigo.
E se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea, o aire contaminado afectou en 2024 á totalidade da poboación galega. En cambio, pola forte caída do ozono o territorio galego estivo libre de niveis de contaminación prexudiciais para a vexetación.
As partículas (PM10 e PM2,5) e o dióxido de nitróxeno (NO2) no aire seguiron afectando a práctica totalidade da poboación galega. As partículas presentaron a peor situación na cidade de Ourense. As áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual para 2030 do NO2. E a fábrica de cemento de Oural (Lugo) elevou o dióxido de xofre (SO2) na súa contorna.
PROBLEMA DE SAÚDE
Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, en 2022 faleceron até 30.000 persoas no Estado español pola mala calidade do aire, 900 delas en Galicia. Ecoloxistas en Acción realizou en 2023 e 2024 dúas campañas de medición de NO2 nos accesos a algúns dos centros escolares con máis tráfico motorizado das cidades da Coruña e Vigo, co resultado de que a poboación escolar está a miúdo exposta a niveis moi elevados de contaminación, por encima dos rexistrados nas estacións oficiais de control da calidade do aire. O que ademais cuestiona a súa correcta localización.
Vencido fai dous anos e medio o prazo para que todos os municipios de máis de 50.000 habitantes establezan zonas de baixas emisións, non só para mellorar a calidade do aire senón tamén para mitigar a crise climática reducindo as emisións de dióxido de carbono (CO2), as cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo non cumpriron sequera formalmente esta obriga, sendo ineficaz a implantada na Coruña polo seu ridículo tamaño. Pontevedra puxo en marcha a zona de baixas emisións máis ambiciosa do Estado español, dando continuidade ás súas consolidadas políticas de mobilidade sustentábel.
Ecoloxistas en Acción saúda como un gran avance a aprobación da nova Directiva europea de calidade do aire, e confía en que obrigue a goberno e comunidades autónomas a aplicaren sen prórrogas medidas eficaces para cumprir en 2030 os novos límites legais, no marco dos preceptivos plans de calidade do aire, así como para mellorar a medición e a información, para o que a organización pide ao goberno unha rápida trasposición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.