Un ex-concelleiro de Vigo, relacionado cos papeis de Panamá

“Estupor” en Multicines Norte por aparecer o seu enderezo como domicilio dunha persoa que participa nunha sociedade nas Illas Virxes, malia admitir que si tiveron unha empresa en Panamá. Outros empresarios cinematográficos de Pontevedra, socios do administrador dos cines de Vigo, tamén aparecen citados. "Debe tratarse dun erro", aseguran.

Por Manuel Vilas | Vigo | 08/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Nos Papeis de Panamá, Manuel Jove e Eduardo Vieira non son os únicos empresarios galegos citados. Na documentación hackeada e logo publicada aparecen polo menos dúas referencias a varios empresarios do cine. Esas referencias teñen un vencello común, Pablo Vázquez Caride, ex-concelleiro de Promoción Económica de Vigo.

Multicines Norte en Vigo
Multicines Norte en Vigo | Fonte: (c) Miguel Nuñez

Cómpre deixar claro que a presencia de calquera nome ou enderezo nos Papeis de Panamá non constitúe por si mesma ningunha proba de fraude fiscal ou de calquera outra irregularidade. Posuír empresas no estranxeiro -mesmo en paraísos fiscais- non é delito nin falta administrativa, no caso de ter declarado a Facenda estes intereses e os eventuais beneficios.

A dirección dos Multicines Norte nos ‘Papeis de Panamá’

O ex-alto cargo do PP figura como administrador de Séptimo Arte SL que explota os coñecidos Multicines Norte. “Via Norte; 22 Multicines Norte; 36204 Vigo” é unha dos enderezos galegos na base de datos filtrada polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJJ, nas súas siglas en inglés). Ese foi o enderezo que rexistrou un tal Alexander Kolupaev cando se inscribiu como accionista de Malini Investments Ltd.  Os avogados Mossack Fonseca tramitaron a creación desta compañía en 1997 e estivo activa até 2013, na xurisdición das Illas Virxes Británicas, un dos paraísos fiscais máis coñecidos.

Versión da empresa

GC contactou cos Multicines Norte para dar a coñecer a súa explicación destes datos. Os xestores de Séptimo Arte SL recoñecen que crearon unha sociedade en Panamá, pero cun nome diferente ao que figura na información hackeada: Val-Séneca no lugar de Malini Investments Ltd. 

Multicines Norte en Vigo
Multicines Norte en Vigo | Fonte: (c) Miguel Nuñez

Ademais, aseguran que “nunca tiveron trato con Alexander Kolupaev, ignorando de quen se trata sen comprender porque se nos relaciona con el nesa trama de sociedades offshore”. Os empresarios vigueses engaden que tampouco entenden porque aparece a súa dirección postal incluído o termo Multicines Norte figura nos Papeis de Panamá pois “as nosas sociedades están soamente inscritas no Rexistro Mercantil de España, polo que debe tratarse dun erro”. 

Posíbel erro no nome á marxe, a cuestión clave é por que crearon unha sociedade en Panamá, país que até hai nada estaba na lista de paraísos fiscais debido a súa opacidade ao fisco. 

Os xestores cinematográficos argumentan que nos 90 eran donos de moitos cines no país, até 50 salas en case todas as cidades do país. Logo chegou a crise do sector, polo que pecharon todas salvo as de Vigo. “Asimesmo, como dispoñiamos da infraestrutura ao efecto (proxectores, motores, equipos de sonidos, pantallas, etc.) decidiuse continuar coa actividade en mercados foráneos como Uruguai, Brasil e Panamá (...) ante as facilidades de Panamá para crear e desenvolver sociedades con expansión internacional, entorno ao 2005 constituíuse a sociedade Válseneca, pero nunca co nome de Séptimo Arte, nin como Multicines Norte”, engaden. A súa versión conclúe relando que pecharon Val-Séneca en “2007 ou 2008” debido a “total falta de actividade” e por “non ter,nin ter no pasado, patrimonio algún”. É dicir, que o negocio panameño previsto nunca botou andar porque, segundo eles, non lograron darlle saída ao material das salas analóxicas pechadas en Galicia, ante a expansión dos sistemas de proxección dixital por todo o mundo.

Cando os Multicines Norte presentaron os seus novos proxectores dixitais, en 2013, quen deu a cara ante os medios foi o ex-concelleiro do PP. Pablo Vázquez Caride, quen foi de número 5 nunhas listas e foi concelleiro do goberno de Manuel Pérez, é directivo doutras empresas cinematográficas. Entre elas Procin Pontevedra, quen explotaba os multicines ABC na capital do Lérez. Nesa empresa o ex-político comparte o cargo de administrador solidario con Víctor José Pena Ríos. O curioso é que o seu socio tamén sae relacionado coa información publicada nos ‘Papeis de Panamá’.

Empresarios venezolanos con intereses nuns multicines de Pontevedra

En concreto, Victor José Pena Rios e o seu irmán Juan Carlos Pena Ríos aparecen como accionistas de Filsanete Ltd. Ao igual que Malini (a suposta compañía vinculada ao enderezo Multicines Norte), esta empresa foi creada a través de Mossack Fonseca en Panamá baixo a xuridisción das Illas Virxes Británicas e a través do intermediario británico Shortt Thomas Baron Galmoy. Creada en 2009, Filsanete tamén se declarou inactiva en 2013, un ano despois de que o Goberno declarase a amnistía fiscal.

Segundo a documentación, cando se deron de alta como accionistas os irmáns Pena Rios deron de dirección “Urbanización El Rosal; 7 36950 Moaña; Pontevedra; España”, uns modernos edificios na vila do Morrazo. GC tentou contactar con eles para dar a súa versión dos datos publicados polo ICIJJ, sen éxito. 

"Estupor por esa estraña vinculación"

Con todo, dende Multicines Norte explícase que “son socios, con outros accionistas, de Séptimo Arte SL, que xestiona cines de Vigo, Santiago e Ferrol, e de Procin Pontevedra SL, que xestionaba os Multicines ABC de Pontevedra”. Engaden que entraron no negocio a través do seu pais e que son emigrantes en Venezuela, polo que raramente viaxan a Galicia. Por último, volven a destacar todas as sociedades do grupo “desenvolven a súa actividade en Galicia, de aí o noso estupor por esa estraña vinculación”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Podemos ser Otánicos

Coma din os servizos segredos do criminal USA - sionismo (os que airearon todo o percal) tan só os paradisos fiscais sitos nos USA poden dar total secretismo e seguridade aos delincuentes monetarios. Para iso cada vez hai mais estados de USA que funcionan coma paradisos fiscais, coma Delaware, Nevada, Washington etc. Todo se basea na guerra desatada por ter a exclusiva dos paradisos fiscais.