O Goberno central anuncia unha "solución" para os miles de bidóns radiactivos afundidos na costa galega

Di que está "en contacto permanente" coa expedición que os está buscando.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destaca que o Executivo central mantense "en contacto permanente" coa expedición francesa que busca bidóns radioactivos fronte á costa de Galicia, no que valora como unha investigación "oportuna". "Imos tratar de darlles unha solución", asegura sobre estes residuos.

A preguntas da prensa este venres en Santiago, Branco explicou que se segue a esta expedición para que vaia "informando os seus achados" , "cantos" bidóns hai e "de que tipo". Tamén se abordará "cal vai ser a solución que poida darse".

Lembra que estes bidóns se tiraron durante décadas no século XX, cando "a conciencia probablemente era outra, completamente diferente". "Ao Goberno de España claro que lle preocupa", deixou claro. Así, explica que o Goberno está "pendente" dos resultados dos informes desta investigación, de modo que trasladará os resultados ás comunidades afectadas "con absoluta transparencia, como sempre, e con absoluta preocupación polo medio mariño".

Remarca que os bidóns están "localizados", polo que hai que "ver exactamente cal é o estado no que están, porque iso é fundamental", ademais das súas "consecuencias" para a contaminación. Pedro Branco incide en que o Goberno "está preparado, preocupouse e está pendente" destes resultados.

Despois de que a expedición localizase os primeiros 1.000 bidóns radioactivos, a Xunta, a través da Dirección xeral de Calidade Ambiental, solicitou ao Consello de Seguridade Nuclear, dependente do Goberno, información.

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, en rolda de prensa
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

AXUDAS

Por outra banda, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico resolveu a convocatoria do programa de axudas para proxectos destinados a reforzar a cadea de valor renovable (Renoval), que outorgará 296 millóns de euros a 33 proxectos de fabricación de equipos e compoñentes esenciais para o desenvolvemento tecnolóxico e industrial das enerxías renovables en España. Tres destas iniciativas correspóndense con proxectos de Galicia.

O PPdeG PIDE "EXPLICACIÓNS" AO GOBERNO SOBRE OS BIDÓNS

Os deputados do PPdeG no Congreso pediron explicacións ao Goberno central sobre o milleiro de bidóns con material radioactivo que unha expedición científica francesa localizou en augas profundas fronte á costa galega.

Faino a través dunha serie de preguntas dirixidas aos ministerios de Ciencia, Asuntos Exteriores e Transición Ecolóxica nas que argumentan que resulta imprescindible coñecer que información posúe o Goberno de España sobre este achado "dado que se trata dun asunto de enorme sensibilidade para a poboación e de posible afectación directa á calidade ambiental do medio mariño, a seguridade alimentaria (pola súa relación coa actividade pesqueira) e a saúde pública.

Os parlamentarios populares pregúntanse se o Consello de Seguridade Nuclear, en calidade de organismo estatal responsable da seguridade radiológica e a protección fronte ás radiacións ionizantes, foi consultado sobre este asunto.

Así mesmo, consideran necesario coñecer se o Goberno solicitou datos técnicos adicionais, coordinado coas autoridades francesas, o activado algún protocolo de seguimento, verificación ou prevención ante esta posible vertedura histórica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta