Coordinación entre Xunta e Goberno para combater os incendios de cara a ter un verán "tranquilo"

Un total de 7.000 profesionais estarán dispoñibles para a época de alto risco en Galicia, xunto a unha trintena de medios aéreos e 380 motobombas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Representantes de Xunta e Goberno central reuníronse este venres en Santiago, no Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG), para coordinarse de cara á campaña de alto risco de lumes forestais que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, un operativo que contará con 7.000 efectivos entre diferentes administracións.

En rolda de prensa, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, explicou que o Goberno pon a disposición "todos" os medios posibles, uns 4.000 efectivos pola súa banda, que poden ser ampliables de ser necesario. Con iso perséguese que sexa un verán "tranquilo" a nivel incendiario, aínda que avisa que será unha época estival "intensa" en temperaturas, ademais de que hai "moita" biomasa nos montes.

Por todo iso, Blanco apela a estar este ano "máis atentos se cabe" que outros con estes factores. Incide na "cooperación absoluta e clara" coa Xunta nesta materia, á vez que pide colaboración cidadá.

Igualmente, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, apelou a "concienciar" á cidadanía para que chame ao teléfono gratuíto 085 en canto vexa algún lume, posto que considera que é "moi importante" a "rapidez" na actuación.

A conselleira valora que este protocolo "está a funcionar" e lembra que tamén hai unha vixilancia "constante" todo o ano con videocámaras que cobren o 90% do territorio. "Non baixamos a garda", garante.

Nesta reunión tamén participaron: o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Pedro Jesús Pacheco; o comisario xefe da Unidade da Policía Nacional Adscrita de Galicia, Jorge Rubal; o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil en Galicia, Miguel González Arias; xunto con representantes do Ministerio do Interior; do Ministerio de Defensa e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Por parte da Xunta tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

OPERATIVO

Un total de 7.000 profesionais estarán dispoñibles para a época de alto risco en Galicia, xunto a unha trintena de medios aéreos e 380 motobombas.

Por parte do Goberno achéganse 10 medios aéreos, 30 drones, brigadas de extinción e membros do Exército e a Armada, entre outros. Un total de 35 patrullas do Exército patrullarán os montes de Ourense entre o 15 de agosto e o 30 de setembro. Pedro Blanco subliñou a novidade de que tres equipos chegados de Países Baixos e Estonia estarán en Galicia para colaborar e aprender sobre o dispositivo.

Entre os medios propios mobilizados que dependen da Consellería de Presidencia haberá 209 efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia para a investigación de incendios forestais e 114 vehículos.

A UPA contará cun equipo multidisciplinar en investigación de lumes (EMIL) con competencias en toda a comunidade, do que formarán parte un especialista en investigación e con formación específica en investigación de incendios, outro experto na área de medio ambiente natural e un terceiro en pericias informáticas.

Por outra banda, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) tamén colaborará nas intervencións a través Grupo de Apoio Loxístico (GALI) mediante medios técnicos como tres Postos de Mando Avanzados, seis drones, tres cisternas abastecedoras de 25.000 litros cada unha, ademais do reforzo de persoal no número de operadores e técnicos de garda dispoñibles.

Estes medios complétanse con outros de competencia municipal e supramunicipal aos que a Xunta apoia tanto nos gastos de funcionamento como na dotación de equipamento.

No dispositivo integraranse 432 bombeiros e 75 vehículos de parques municipais, outros 446 efectivos e 97 vehículos dos parques dos consorcios provinciais e comarcais, xunto con 402 profesionais de 34 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e as máis de 4.400 persoas voluntarias das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

Reunión de coordinación entre Xunta e Goberno sobre incendios forestais. XUNTA
Reunión de coordinación entre Xunta e Goberno sobre incendios forestais. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta