Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 18:09
A reparación das vítimas de terapias de conversión "é moi complexa e non é total". Son palabras do lucense Saúl Castro, presidente de Non É Terapia, asociación que traballa en España de forma altruísta na loita contra estas prácticas e o acompañamento das súas vítimas: "Falamos de persoas ás que lles comeron a cabeza para que pensasen que unha parte súa era incorrecta e tiña que ser reprimida".
Os métodos empregados na actualidade varían entre os seus perpetradores. Nos últimos anos, os que máis comunmente identificou esta organización son o emprego de medicamentos para inhibir a líbido, terapias de control masturbatorio e terapias de aversión, sobre todo centradas en golpes. "Por exemplo, darse golpes cunha goma no brazo", matiza o tamén avogado especializado en dereitos humanos.
"Hai xente que se recupera, que ten relacións preciosas ou que pode vivir con felicidade a súa sexualidade, pero o sinal traumático que deixa a violencia sufrida fai moi difícil que se poida deixar atrás. Fanche dubidar da lexitimidade, da bondade e da realidade dos teus sentimentos", explica sobre o dano realizado ás persoas do colectivo LGTBIQ+ que as sufriron.
Aínda que en España están prohibidas desde 2023, as infraccións posibles son unicamente administrativas e, ata o momento, non se impuxo ningunha. Esta semana, o Congreso dos Deputados admitiu a trámite unha proposición de lei do PSOE que pide castigar estas prácticas con ata dous anos de cárcere.
Esta é unha antiga reivindicación da asociación que dirixe Castro e que xa chegara á Cámara baixa en febreiro cun texto rexistrado por grupos parlamentarios de esquerdas, tras ser acordado con Non É Terapia. O seu presidente cre que a proposta socialista é "deficiente", xa que considera baixo o tempo máximo de pena e critica que prescinda de medidas de apoio ás vítimas.
DAR COAS TERAPIAS DE CONVERSIÓN
Localizar estas prácticas é "complexo", en palabras do avogado. Non É Terapia conta cun equipo de voluntarios dedicado a mirar en redes, páxinas web e foros nos que se pode falar de encontros ou de eventos nos que se promocionan ou realizan ditas prácticas. Con todo, son conscientes de que non chegan "a todos os lados".
"En moitos dos espazos nos que se fan terapias de conversión, nós coñecemos que se fan, pero non temos acceso a eles", explica Castro. Nalgúns casos, para acceder "necesitas que che coñezan e saiban quen es", xa que funcionan a través dunha especie de "criba".
Un exemplo desta dificultade atopouno en Galicia. A el chegaron informacións de que no seminario de Lugo facilitábanse materiais ou se facían reunións que podían tratarse de terapias de conversión. Con todo, nunca puido verificalas. "Ninguén me volveu contactar con isto e eu tamén vou un pouco a rebufo da información que me chega", relata.
DENUNCIA A SETE DIOCESES
"Se es LGTB, non o perdas. Estes testemuños de persoas que repararon a súa atracción cara ao mesmo sexo, pódenche ser interesantes". Esta mensaxe figuraba nun panfleto repartido en Madrid e que chegou ás mans de Saúl Castro, o que permitiu ao Ministerio de Igualdade, a inicios de 2025, abrir un expediente a sete diocese e arquidiocese en España pola promoción de terapias de conversión.
Desde a súa entrada en vigor en 2023, a 'lei trans' abriu a posibilidade de impor infraccións administrativas moi graves a estas prácticas, así como á súa promoción. "Non fai falta que ti sufras todo o que vén ser unha terapia de conversión nas túas carnes para poder interpor unha denuncia ou para que se investigue", aclara.
Nestes eventos, celebrados en parroquias españolas, convidábase a unha ou varias persoas para que contasen o seu testemuño acerca da conversión respecto da súa orientación ou identidade sexual. O mesmo Castro foi testemuña en primeira persoa dalgúns deles. Ademais, localizou documentais e entrevistas realizados polo proxecto --de nome Transformados--, na que fundamentou a denuncia entregada en decembro de 2024.
"A non ser que [o practicante] o recoñeza ou suba vídeos facendo terapias de conversión, o máximo que podes ver é en medios, publicidade ou redes sociais é difusión e promoción", insiste. O material recompilado foi suficiente para que o Ministerio abrise un expediente sancionador. Con todo, a asociación aínda non coñece unha resolución de incoacción do mesmo.
A fe e as institucións relixiosas adoitan xogar un papel central nestas prácticas, especialmente no caso das terapias dirixidas a "reparar ou anular" a orientación sexual. Principalmente, a relixión católica, "polo pouso histórico" en España; aínda que a asociación tamén recolleu casos de persoas de fe islámica e evanxélica. "É certo que as terapias dirixidas a persoas trans, especialmente a mulleres, non son relixiosas ou non exclusivamente", apunta. O presidente de Non É Terapia constata que os grupos antiderechos e transexcluíntes "están moi presentes" neste sentido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.